Bisbarra, 22 de maio do 2024 – Dodro recupera a súa historia en imaxes na mostra “Escenas da memoria” inaugurada onte martes na Casa do Concello.
Un total de 15 imaxes antigas que retratan e recuperan a vida comunitaria de Dodro nas últimas décadas. Na inauguración participaron o alcalde, Francisco Xabier Castro Tourís, e Xosé Ramón Brea Rei, veciño, escritor e autor de varias das fotografías recollidas na exposición.
Esta mostra, forma parte da programación cultural que celebra o Día das Letras Galegas, e permanecerá aberta ao público no primeiro andar da Casa do Concello, de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas. O concello ten a intención de levala a outros espazos do municipio durante os vindeiros meses.
As persoas que a visiten poderán viaxar no tempo e transportarse a un Dodro pretérito, cheo de paisaxes, xentes, usos, costumes, tradicións, traballos e celebracións. Unhas imaxes coas que apreciar os cambios experimentados ao longo da historia no territorio e na comunidade local de Dodro
O Concello de Dodro desexa agradecer a colaboración veciñal que fixo posible compilar as fotografías que compoñen a exposición. Por outra banda o concello destaca o valor patrimonial da memoria gráfica para as xeracións futuras. Xabier Castro insiste ademais en que “o verdadeiro motor para o cambio e mellora reside na comunidade e no traballo colectivo; na propia veciñanza de Dodro”.