Bisbarra, 14 de novembro do 2024 – A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, acudiu a Dodro para presidir, xunto co alcalde Xabier Castro, a constitución da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero no municipio.

Subdelegada e alcalde quixeron deste xeito reforzar o compromiso de Dodro, na loita contra a violencia de xénero, sinalando que coa incorporación ao sistema VioGén o agora coa constitución desta mesa de coordinación “Dodro fai uso de todas as ferramentas que o Goberno pon a súa disposición para actuar a violencia de xénero”.
Ao longo deste ano son xa 5 as novas mesas constituídas: Narón, Cedeira, Mancomunidade de Ordes, Pontedeume e Dodro; mostra do compromiso do Goberno coa loita contra a violencia de xénero e, mostra tamén, da colaboración institucional nunha materia tan sensible coma esta.
A subdelegada recordou que, a día de hoxe, existen 2.667 casos activos no sistema VioGén na provincia da Coruña, mulleres que necesitan e contan con algún tipo de protección por parte das Forzas e Corpos de Seguridade.

María Rivas explicou que “temos que seguir traballando dende todas as institucións para ofrecer ás vítimas e as súas familias todos os recursos dispoñibles”, neste sentido recordou a importancia de que os concellos, como é o caso de Dodro, formen parte do sistema VioGén, subliñando que “a proximidade das policías locais constitúe un gran aporte no traballo conxunto de protección das vítimas”.
Na súa intervención María Rivas sinalou a boa sintonía entre as dúas administracións, cualificando de imprescindible a colaboración institucional para traballar por unha sociedade máis concienciada, máis igualitaria e libre de violencias machistas. “Desde o Goberno temos un compromiso coas vítimas: seguir traballando incansablemente para protexelas; e para iso necesitamos traballar conxunta e coordinadamente: para previr e detectar casos, e por suposto para dar apoio e combatelos”
O concello de Dodro tamén conta neste momentos coa Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero (MAVI), para reforzas as actividades que desenvolvan arredor do 25 de novembro.

Sesión constitutiva
A mesa de coordinación de Dodro constitúena representantes de todos os ámbitos municipais implicados na loita contra a violencia de xénero. Esta primeira reunión contou tamén coa participación do Director Xeral de loita contra a violencia de xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba.
De cara ás vindeiras convocatorias queda composta polo concelleiro de Obras e Cultura, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, a dinamizadora e a psicóloga do CIM de Padrón, a directora do CPI Eusebio Lorenzo Valeirón, a directora do Centro Rural Agrupado de Dodro-Padrón, a directora do Centro de Día, representantes das formacións políticas que compoñen o pleno municipal, representantes da Asociación Andaina e de Amipa-Asociación de persoas con discapacidade, as asociacións de nais e país dos centros educativos, a asociación de mulleres, os clubes de portivos, o equipo de VioGén da Garda Civil da demarcación, a responsable da Unidade de Violencia sobre a Muller da subdelegación do Goberno e a representación da Dirección Xeral de loita contra a violencia de xénero.