Lalín, 11 de marzo do 2022 – Este sábado día 12 estrease o documental “Terra e tesón, historia do Museo Etnográfico Casa do Patrón”.
A cita comeza as 11 da mañá na propia aldea de Codeseda onde se sitúa o Museo. A presentación conta coa colaboración do Concello de Lalín e a Xunta de Galicia por medio do Xacobeo 21/22.
O documental foi dirixido por Rafael Quintiá Pereira. Este antropólogo foi membro fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e tamén fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).
Quintiá presentou tamén en Codeseda, o pasado mes de outubro, o libro “Patrimonio inmaterial de San Pedro de Doade” a parroquia na que se ubica a aldea de Codeseda. O investigador é ademais un dos colaboradores máis activos da aldea e do museo.
Xunto a el na presentación estará o xerente do museo, Manuel Blanco Villar, que foi tamén o impulsor da colección e que segue a traballar para ampliar salas e obxectos.
O Museo Etnográfico Casa do Patrón comezou hai 26 anos colocando dous xugos nunha parede da construción que da nome a todo o museo. Hoxe en día a colección alcanza as seis mil pezas e ven de abrir unha nova sala dedicada á farmacia con pezas recollidas por toda Galicia.