Val do Dubra, 17/09/2026 – O concello de Val do Dubra ven de remitir unha carta á Xefatura territorial da consellería de educación, ciencia, Universidades e formación profesional, solicitando “de forma urxente” dotación de persoal de cociña no CEIP Xacinto Amigo Lera de Portomouro.
Desde o Concello de Val do Dubra, e en nome da comunidade educativa do CEIP e da ANPA Trastamara, trasladan a preocupación pola situación que está a vivir desde o luns o centro. Actualmente atopase sen persoal de cociña para garantir con normalidade a prestación do servizo, no que hai 60 comensais inscritos.
O persoal docente do centro está a asumir, de maneira provisional e por boa vontade, determinadas tarefas necesarias para poder manter o servizo durante estes días. Lindeiros puido saber que na primeira xornada resolveuse con fiambres e na seguinte con pizzas.
Desde o Concello agradécese expresamente o esforzo e a disposición do equipo docente, que está contribuíndo a paliar temporalmente as consecuencias desta falta de persoal.

Val do Dubra considera ao mesmo tempo que “esta situación non pode prolongarse no tempo, tanto pola propia natureza das funcións que se están asumindo como pola necesidade de garantir que o servizo de comedor escolar se preste nas condicións adecuadas e con todas as garantías para o alumnado e para o propio persoal do centro”.
Desde o Concello de Val do Dubra “solicitamos á Xefatura Territorial que adopte con carácter urxente todas as medidas que estean ao seu alcance e active, se é necesario, os procedementos administrativos e legais correspondentes para proceder á inmediata dotación de persoal de cociña no CEIP Xacinto Amigo Lera de Portomouro”.
O concello engade que entende que “a cobertura desta necesidade debe ser abordada coa maior celeridade posible, evitando que unha situación inicialmente provisional se converta nun problema que afecte ao normal funcionamento do centro educativo e á prestación dun servizo esencial para as familias”.
O Concello ofrécese a colaborar coa Consellería e coa Xefatura Territorial na procura dunha solución inmediata e queda á espera de que se adopten as medidas necesarias para restablecer canto antes a normalidade no servizo de comedor do centro.
