Compostela, 3 de febreiro do 2021 – Compostela aposta pola imaxinación para celebrar un Entroido que será distinto pero a bo seguro interesante.
O disfrace invisible é unha iniciativa que invita aos veciños de Compostela a camuflarse na cidade. Trátase dun concurso de fotografía no que disfrazarse é o obxectivo común e facerse invisible o reto a conseguir.
O concurso está organizado polo Museo de Maxia Kiko Pastur, en colaboración con Mery Pais, a Asociación Cidade Vella e o Concello de Santiago, a través das concellarías de Acción Cultural e de Festas.
Un Entroido adaptado á realidade
Na presentación do concurso participaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o responsable de Festas, Gonzalo Muíños; e o mago Kiko Pastur. O prazo para a presentación das imaxes remata o 16 de febreiro. Os participantes terán que disfrazarse para camuflarse ou “desaparecer” da imaxe, en lugares recoñecibles de Compostela.
Mercedes Rosón destacou a orixinalidade da iniciativa, que “se adapta totalmente ás actuais restricións anticovid e permítenos celebrar o entroido doutro xeito. Ata onde sabemos é a primeira vez que unha cidade acolle unha iniciativa deste tipo, coa cidade como protagonista”. Rosón engadiu que se trata dun “xogo con Compostela como escenario, que vai contribuír a visibilizar o noso patrimonio: os nosos monumentos, os nosos parques, as nosas rúas”.
Na súa intervención, Gonzalo Muiños explicou a dinámica do concurso. Sinalou que se premiará “o enxeño e orixinalidade dos e das participantes, o deseño e fabricación dos traxes, a calidade técnica das fotografías e que os lugares escollidos poñan en valor a propia cidade”.
Concederanse tres premios de 1.000 euros, 500, e 300 euros; e dous áccesits de 100 euros para a fotografía máis divertida e máxica, así como para formar parte do álbum que o concello exhibirá coas propostas máis brillantes e máis enxeñosas que se reciban. O concelleiro de Festas recordou que as fotos deben presentarse, unicamente, en formato dixital, e non poden ser alteradas nin manipuladas.
Cada concursante poderá presentar o número de obras fotográficas que queira, aínda que só poderá optar a un premio no caso de que presente varias.
As obras fotográficas enviaranse, ata o 16 de febreiro incluído, ao correo electrónico odisfraceinvisible@gmail.com, en formato JPEG, TIFF, BMP, PNG ou RAW ou a través da web https://odisfraceinvisible.com/ .
Exposición
Kiko Pastur destacou o fomento do enxeño e a creatividade deste concurso a nivel individual, e “na parte social”, a exposición das 25 mellores fotografías, que percorrerá os Centros Socioculturais da cidade. E sinalou que camuflarse coa contorna “non é algo novidoso”, o que é novidoso é vinculalo, engadiu, ao entroido.
Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Kiko Pastur animaron á cidadanía a presentarse ao concurso, “a xogar con este reto creativo” a ilusionarse “con este entroido tan atípico que nos toca vivir este ano”.
