Actualización (9:25 h.) Según confirmou Lindeiros por distintas fontes a presidenta de Teenses pola Igualdade, Rosa Gómez Limia, dimitiu no transcurso da reunión da pasada noite.
Teo, 17 de marzo do 2022 – A Xunta Directiva da Asociación Teenses pola Igualdade emitiu un comunicado esta madrugada pedindo desculpas e rexeitando parte do manifesto lido o pasado sábado.
Tal e como contou Lindeiros o manifesto, que provocou as protestas do público, non foi consensuado coa Xunta Directiva pola Presidenta, Rosa Gómez Limia. Unha Directiva que emite un comunicado sen a sinatura de Gómez Limia.
Onte esta prevista unha reunión da Xunta Directiva de Teense para tratar o sucedido. Tras o encontro, arredor da 1 da madrugada, emítese o comunicado asinado por “Vicepresidenta, tesoureira, secretaria e vogais” non aparecendo en el mención algunha á presidenta.
O documento exime de toda a responsabilidade aos socios, pide desculpas e di con respecto ao manifesto “con cuxo contido no relativo á diversidade sexual non concordamos”.
Seguindo a petición expresa dos remitentes publicamos o contido íntegro do comunicado:
COMUNICADO OFICIAL DA XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN TEENSES POLA IGUALDADE EN RELACIÓN AO SUCESO ACAÍDO NA CELEBRACIÓN DA XII FESTA DAS MULLERES.
Teo, 17 de marzo de 2022.
Dende a xunta directiva da Asociación Teenses pola Igualdade queremos manifestar o noso fondo pesar polos sucesos acaídos o pasado sábado 12 de marzo no Auditorio Municipal d’A Ramallosa (Teo) co gallo da celebración da XII Festa das Mulleres.
En primeiro lugar, as membras e membros da xunta directiva abaixo asinantes desexamos pedir desculpas polo malestar e dano causado pola lectura do manifesto, con cuxo contido no relativo á diversidade sexual non concordamos. Aínda estando na responsabilidade desta xunta directiva a previa lectura e consenso do manifesto, nesta ocasión non se seguiu este procedemento habitual e dita tarefa previa non se levou a cabo.
En segundo lugar, queremos trasladar que a nosa Asociación é independente de calquera partido político e leva vinte anos traballando arreo en prol da erradicación de calquera clase de violencia contra as mulleres e en prol da igualdade real e efectiva en todos os ámbitos da sociedade. A nosa Asociación foi sempre e segue a ser inclusiva, non estando na nosa folla de ruta o debate actual aberto sobre o xénero, polo que a referencia ao anteproxecto de lei contida no manifesto lido o pasado sábado nunca debeu figurar no mesmo.
En terceiro lugar, queremos amosar o noso firme rexeitamento cara a toda inxustiza ou discriminación de calquera tipo, así coma a nosa férrea defensa dunha sociedade inclusiva, respectuosa e sensible coa diversidade e cos dereitos de todas as persoas, aspecto que consideramos fundamental para a convivencia.
En cuarto lugar, queremos desmarcarmos de todas as opinións individuais e colectivas que se están a facer no noso nome ou empregando o mesmo, pois o noso sentir e parecer sobre ditos feitos é o contido na presente comunicación.
Por último, queremos eximir de calquera responsabilidade no sucedido a socios, socias e entidades colaboradoras coa nosa Asociación.
Atentamente,
Xunta Directiva da Asociación Teenses pola Igualdade.
(Vicepresidenta, tesoureira, secretaria e vogais).

