Arzúa, 11 de maio do 2018 – O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa segue desenvolvendo a programación cultural da primavera que neste mes de maio se centra na conmemoración das Letras Galegas.
En colaboración co Servizo de Normalización Lingüística organízase o programa As Nosas Letras, achegando varios espectáculos que fomentan o uso da lingua a espazos como a biblioteca, a residencia ou a escola infantil. A primeira actuación terá lugar hoxe venres, día 11, a partir das 17:30h na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. Trátase dun contacontos titulado María e os ollos alabarados da compañía Xarope Tulú que recolle fragmentos e relatos de diferentes obras de María Vitoria Moreno e ofréceos ao público a través da narración oral e os monicreques. Un espectáculo familiar co que se poderá percorrer o mundo literario desta escritora de literatura infantil á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2018.
O luns 14 será a quenda para a Residencia San José, que acollerá o espectáculo Contar a cargo de Celso Fernández Sanmartín, e o venres 25 para os nenos e nenas da Escola Infantil, que disfrutarán da representación de Entre arrolos e contiños de Migallas Teatro. Ambas as dúas actuacións comezarán ás 10:30h.
O 17 de maio, día das Letras Galegas, contarase coa representación teatral da obra O doutor brochas do colectivo Amarai ás 17:00h na Capela da Madanela, e coas actuacións da Banda de Música de Arzúa e do Grupo de Música e Baile Tradicional O Bringuelo a partir das 18:00h na Praza de Galiza ou no Multiusos Terra do Queixo, se o tempo non acompaña. Tamén haberá xogos tradicionais e artesanais coa Eira Xandobeleira.
As actividades do mes de maio compleméntanse coas Xornadas de xogos populares e tradicionais organizadas polo Departamento de Deportes que terán lugar no CEIP de Arzúa o mércores 16 e que onte mesmo se celebraron no colexio Nsa. Sra. do Rosario.