Compostela, 24 de novembro do 2021 – O Mercado da Estrela celebrará este ano o seu décimo aniversario do 16 ao 19 de decembro.
Onte era presentado no concello de Santiago coa presenza do concelleiro de Festas Gonzalo Muíños; a directora do Mercado da Estrela, Mónica Mejías; a xerente de Turismo de Santiago Flavia Ramil; a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro e o delegado comercial de Estrella Galicia, Guillermo Fernández.
Este anticipo do Nadal naceu impulsado pola empresa Correveydile. A súa primeira edición celebrouse no Centro Galego de Arte Contemporáneo co apoio do concello e contou tan só con 36 postos. O obxectivo era e segue sendo dar un lugar ás persoas creadoras de Galicia para mostrar o seu talento nas vésperas do Nadal e incentivar a compra local.
O Mercado da Estrela conta co patrocinio da Direccion xeral de Comercio e Consumo apoiando á marca Artesanía de Galicia, Turismo de Santiago de Compostela, Estrella Galicia e Gadis, o apoio de Paco&Lola, Vermú Lodeiros e Finsa e a colaboración do Seminario Maior, a “Hospedería San Martín Pinario”, Abanca e o Centro Don Bosco como localizacións do evento.
Case un centenar de marcas de artesanía, moda, ilustración, xoguetes, fotografía, deseño, decoración, produtos enogastronómicos e últimas tendencias participarán no Mercado da Estrela. Unha oferta que completará a súa proposta para este aniversario con foodtrucks, postos de restauración e un atractivo programa de concertos, sesións picadiscos e obradoiros deseñados para gozar da creatividade e do tempo compartido.
A programación musical para este 10º aniversario irase revelando progresivamente nos vindeiros días e, ao igual que a Feira Creativa e as Zonas de Restauración será de entrada gratuíta e cumprirá con todos os protocolos de seguridade, hixiene e prevención velando pola protección de todas e todos.
Aquelas persoas que decidan visitar a cidade con motivo do Mercado da Estrela poden dende xa reservar aloxamento na hospedería do mosteiro barroco de San Mariño Pinario a un prezo reducido con motivo do festival.
Espazos do 10º Aniversario do Mercado da Estrela
* Feira Creativa no 2º andar do Centro Social Abanca na Praza de Cervantes, no claustro procesional do mosteiro de San Martiño Pinario e no claustro e Salón Peregrinos da “Hospedería San Martín Pinario” de 16h a 21h o venres 17 e de 11h a 21h o sábado 18 de domingo 19 de decembro
*Zona Foodtruck con DJs e oferta de restauración na praza 8 de Marzo dende o xoves 16 ás 20h
* Concertos e oferta de restauración na pista cuberta do Centro Don Bosco dende o xoves 16 ás 20h.