займ срочно

Detectado covid nunha granxa de visóns de Santiago

0

Compostela, 18 de marzo do 2021 – Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia dun foco de Covid nunha granxa de visóns en Santiago.

Tras a detección, a Consellería de Medio Rural procederá a efectuar novas analíticas aos visóns para determinar as actuacións futuras a levar a cabo. A granxa permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta de Galicia.

A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia co “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”. Este programa foi elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade e en el colaborou activamente Galicia. Os Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta viñeron realizando, ademais de controis sanitarios, diferentes visitas a todas as explotacións da comunidade, co fin de comprobar as condicións de bioseguridade das granxas, así como tomas de mostras e análises rutineiras cada 15 días.

A granxa compostelá na que se detectou o foco conta con 6.554 visóns (5.430 femias reprodutoras e 1.124 machos) e estanse realizando os estudos epidemiolóxicos para tentar determinar a orixe da infección. En toda Galicia, actualmente existen un total de 25 granxas deste tipo en estado de alta, cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións.

Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas. O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía.

Este foco comunicarase oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea. Trátase do segundo foco de SARS-CoV-2 detectado nunha granxa de visóns en Galicia, tras o rexistrado nunha explotación da Baña o pasado mes de xaneiro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies