Compostela, 22 de marzo do 2018 – A coordinadora comarcal de Esquerda Unida organiza este xoves a charla Desmontando o amor romántico.
Desmontando o amor romántico será impartida pola senadora de En Marea Vanessa Angustia. Trátase dunha charla que se dará na casa Xohana Torres, a partir das oito da tarde, e na que se falará sobre a visión tradicional do amor romántico.
Este acto, presentado pola concelleira de Mocidade de Compostela, Noa Morales, está enmarcado na programación que está a levar a cabo a organización co título: “Co feminismo nos talóns: Que non che conten películas!”, e que xira en torno ao feminismo.
Vanessa Angustia é senadora de En Marea, coordinadora de Esquerda Unida Pontevedra e coordinadora federal de ALEAS IU (Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Izquierda Unida), un espazo que traballa polos dereitos das persoas LGTBI.