Ames, 8 de agosto do 2017 – A praia fluvial de Tapia será o escenario o próximo domingo, 13 de agosto, da XXXII edición do Descenso do Tambre de piragüismo.
O Club Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames e a Federación Galega de Piragüismo, organizan esta competición que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia e na que poden participar embarcacións tipo K-1 e C-1.
O Descenso do Tambre está dividido en dúas partes. Ás 16:00 horas realizarase o descenso do Tambre entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames). En el participarán padexeiros correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, xuvenil e cadete), kaiak muller (sénior, xuvenil e cadete) e canoa home (sénior, xuvenil e cadete).
A partir das 17:00 horas desenvolverase a proba de circuíto na propia praia fluvial de Tapia. Aquí poderán participan rapaces das categorías benxamín, alevín e infantil con embarcacións K-1 e C-1sobre unha distancia dun kilómetro e medio.
Unha vez finalizadas todas as probas, farase a entrega de premios que está prevista para as 20:30 horas, aproximadamente. Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados.
Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licenza federativa debidamente actualizada para a tempada 2017 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. Cada club poderá inscribir en cada proba o número de embarcacións e padexeiros/as que consideren, sen límites.
Recollida de dorsais
A recollida de dorsais realizarase entre as 13:30 e as 14:30 horas nas instalacións da praia fluvial. Ao final da regata daráselle a cada participante unha bolsa con avituallamento.
Para máis información pódense poñer en contacto co Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre chamando aos número se teléfono 625 398 575 e 626 644 037 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal. Outra opción é poñerse en contacto coa Federación Galega de Piragüismo a través do número de teléfono 986 84 21 06 ou no enderezo electrónico kayak-canoa@fegapi.org.