Compostela, 28/05/2026 – A Casa das Máquinas, en Compostela, acolle este sábado “Circo Doble Expresso”, unha proposta de Girisho e Raquel Veganzones máis coñecidos como Desastronauts.
Unha proposta de circo contemporáneo chea de humor e habilidade na que compiten por conquistar o público entre teas aéreas, hula hoops e acrobacias imposibles. A función, recomendada para a rapazada a partir de 3 anos, poderá verse o sábado 30 de maio ás 18.00 horas con acceso libre até completar capacidade.
Con máis de dúas décadas de traxectoria no mundo do circo, Raquel e Girisho interpretan dous excéntricos artistas empeñados en demostrar quen merece a admiración do público.
Mentres Girisho enfronta cada reto con entusiasmo desmedido e unha confianza algo temeraria, Raquel responde con disciplina, precisión e unha grande habilidade técnica. Entre os dous constrúen unha divertida competición chea de equívocos, desafíos e momentos sorprendentes.
Trapecio, tea aérea, hula hoops e distintas técnicas circenses conviven nun espectáculo dinámico e visual que combina destreza física, humor e complicidade co público. A proposta está pensada para gozar en familia e achega o circo contemporáneo ás crianzas a través dun universo lúdico e accesible.
Circo Doble Expresso é un espectáculo recomendado para público a partir de 3 anos integrado na programación familiar d’A Tropa C de Compostela Cultura.
