Bisbarra, 16/10/2026 – A Deputación da Coruña celebra unha nova edición das Xornadas Europeas do Patrimonio (XEPDAC), do 20 ao 25 de outubro con diferentes actividades no patrimonio provincial.
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, explicou que estas xornadas convértense “no motor dunha ampla programación cultural deseñada para poñer en valor, protexer e achegar o noso legado á cidadanía.
Este ano, o lema deste evento internacional, impulsado conxuntamente pola Unión Europea e o Consello de Europa, é “Patrimonio en risco: revivir, resistir, reimaxinar”.
Este punto de vista formula unha reflexión necesaria sobre a vulnerabilidade do legado cultural ante desafíos globais como a crise climática, a urbanización acelerada e a degradación ambiental.
O programa de 2026 asenta as súas bases en revivir tradicións e relatos en perigo para garantir a transmisión de saberes, situar o patrimonio como ferramenta estratéxica para resistir fronte ás ameazas e protexer a diversidade, e reimaxinar o vínculo co pasado desde a creatividade e a innovación para que a riqueza cultural perdure como un testemuño vivo e accesible para as futuras xeracións.
“Vivimos nun momento de grandes desafíos globais”, apuntou Penas. “A crise climática, a urbanización acelerada e a degradación ambiental ameazan a herdanza que nos define. Fronte a isto, dende a Deputación non somos suxeitos pasivos: entendemos que protexer o noso patrimonio non é só mirar ao pasado; é un acto de resiliencia, salvagarda da nosa diversidade e cohesión social”.
Actividades escolares
A terceira edición das XEPDAC comezará cun conxunto de actividades escolares, que se desenvolverán polas mañás de martes a xoves en diferentes espazos patrimoniais da Deputación da Coruña.
O martes 20 de outubro, o Dolmen de Axeitos (Ribeira) acollerá a proposta escénica e pedagóxica “Latexos”, de K’Paparota Teatro, protagonizada por Carmen Conde.
O mércores 21 de outubro, o dúo Os Monifates levará a súa montaxe de música e marionetas “Os Monifates no Camiño” ao patio das Torres do Allo (Zas).
O xoves 22, o patio de armas do Castelo de Vimianzo será o escenario dun espectáculo de maxia e ilusionismo dirixido ao alumnado da man de Samuel Moreno.
Actividades para o público xeral
A fin de semana, as xornadas abriranse ao público xeral con actividades gratuítas que requirirán reserva previa:
Venres 23 de outubro: A programación centrarase na área norte con visitas guiadas á antiga Batería militar da Bailadora (Ares, ás 11:00 h e 13:00 h), ao Mosteiro de Santa María de Monfero (Monfero, ás 12:00 h, 16:00 h e 18:00 h) e ao Convento do Rosario (San Sadurniño, ás 17:00 h e 19:00 h).
Sábado 24 de outubro: A xornada combinará divulgación patrimonial, paisaxe e aventura subterránea con visitas guiadas ao Faro da punta Nariga (Malpica de Bergantiños, ás 11:00 h e 13:00 h) e un percorrido interpretativo con incursión espeleolóxica no Pico Sacro (Boqueixón, ás 11:00 h, 12:00 h, 13:00 h, 16:00 h e 17:00 h).
A programación do sábado pecharase ás 19:30 h cun obradoiro práctico de iniciación á fotografía da arte rupestre nos Petróglifos de Villestro (Santiago de Compostela), impartido polo Colectivo A Rula.
Domingo 25 de outubro: As XEPDAC despediranse con visitas guiadas á fortaleza altomedieval do Castelo do Casón (Ortigueira, ás 11:00 h e 13:00 h) e ao complexo arqueolóxico e marítimo de Punta Sarridal (Cedeira, ás 12:00 h e 16:00 h).
A asistencia a todas as actividades é gratuíta, mais require reserva previa por mor da limitación de prazas. A reserva realizarase en liña e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro venres 16 de outubro ás 12:00 h a través da páxina web da Deputación da Coruña en https://dacoruna.gal/patrimonio/xepdac/ .
