Bisbarra, 13 de agosto do 2024 – A responsable da Deputación de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou a Asociación de Desenvolvemento rural Ódega, en Ordes, e a asociación Maisdetres, en Brión, dentro da súa rolda de encontros coas entidades rurais da provincia.
Durante as xuntanzas, Capelán aproveitou para subliñar a “transcendencia do asociacionismo no fomento da agricultura local e de proximidade, que fomenta o produto de calidade, como demostran as actividades destas dúas entidades”.
Ambas as dúas entidades están dentro da lista de 42 que este ano viron concedidas as súas solicitudes de acceso ao Programa dirixido a entidades asociativas, federacións e agrupacións de entidades agrarias, labregas e gandeiras para actividades neste 2024.
En total, a Deputación da Coruña reparte 224.650 euros a través desta liña de axudas que permite apoiar aos sectores agrogandeiro e forestal, “de enorme transcendencia na economía da provincia”, como destacou Capelán.
Por unha banda, en Ordes, a deputada foi recibida por Miguel Souto, presidente de Ódega, detalloulle o proxecto da posta en marcha dunhas xornadas de adaptación e resiliencia do agro ante os cambios climatolóxicos. Esta iniciativa, que será financiada con 5.250 euros por parte da institución provincial a través do citado programa de axudas, forma parte do programa de traballo da asociación, que presta servizos de asesoramento de xestión empresarial e técnico agrario a profesionais e emprendedores do medio rural.
Así, o seu obxectivo é contribuír a mellorar a rendibilidade das pequenas empresas e das explotacións agropecuarias e ao fomento do emprendemento neste medio a través da implantación de procesos de calidade, protección do medio ambiente e adaptación ás novas necesidades que redunden na modernización do sector.
Por outra banda, a responsable de Mar e Medio Rural tamén acudiu a Brión para encontrarse coa Asociación Maisdetres. Alí, xunto coa responsable da entidade, Carmen Freire, e o alcalde da localidade brionesa, Pablo Lago, o centro de coworking ‘Transformando en Brión’, un dos once espazos que forman parte da Rede Provincial de Coworking e que permiten pór en marcha proxectos innovadores.
Actualmente, no Coworking de Brión conviven cinco ‘coworkers’ vinculados á produción de froitas, hortalizas, fermentados e froitos secos, así como a elaboración de produtos a partires destas materias primas.
En todos estes procesos ten un peso de articulación a Asociación Maisdetres, que conta con espazos para a produción destas froitas e hortalizas. Xunto co alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e Freire, Cristina Capelán visitou dúas destas granxas, dedicadas de xeito concreto á produción e recuperación de hortalizas autóctonas e cogumelos.
Precisamente a esta conservación de cogumelos cultivados e silvestres adica Maisdetres os 5.250 euros concedidos neste exercicio pola Deputación da Coruña. “O labor destas entidades é un traballo inmenso, xa que levan a cabo todo o proceso. Desde o sementado ao coidado, recolecta e produción final destes produtos ata distribuílos aos establecementos da zona. Mesmo apostan pola recuperación de plantacións en mal estado. Isto demostra a fundamental labor dos produtores de proximidade, chaves na garantía da calidade dos produtos locais”, expresou a deputada.