Trazo, 2 de febreiro do 2022 – A Deputación constrúe unha senda peonil no lugar de Carabelos e mellora cinco camiños en distintos lugares de Trazo cun investimento total cercano aos cen mil euros.
A senda executarase na calzada que vai de Berreo á Cuca ao seu paso por Carabelos. Terá un ancho de 1,8 metros, unha lonxitude de 300 metros e crearase un bordo. Na zona fronte as vivendas respectarase a superficie de formigón existente para usala como aparcamento, deixando unha zona axardinada entre a senda e o peche dos domicilios.
A actuación contribuirá a mellorar a seguridade das veciñanza nos seus desprazamentos a pé na zona.
Mellora de camiños
Por outra banda, as obras do Plan Único inclúen a pavimentación e mellora cinco camiños municipais en diferentes parroquias do municipio de Trazo: na Castiñeira (Castelo), na Torre (Castelo), en Vixou de Abaixo (Xavestre), en Rial (Chaián) e na Devesiña (Chaián).
A actuación está actualmente a licitación no perfil do contratante do Concello de Trazo e o prazo de presentación de ofertas remata o 10 de febreiro.
O Plan Único investiu o ano pasado 800.000 euros en Trazo
O Plan Único da Deputación da Coruña destinou en 2021 un total de 804.143 ao Concello de Trazo, dos que 345.246 se destinaron a investimentos en obras, e máis de 145.000 a mellorar servizos municipais e preto de 127.000 a apoiar ao municipio no financiamento dos gasto sociais derivados da Covid-19.