A Deputación da Coruña impulsa a segunda edición da Rede Coworking Fest do 15 ao 21 de setmbro coa participación de once centros da provincia.

A Rede Coworking Fest trátase dunha iniciativa única en Galicia que demostra que crear empresa e innovar no rural non só é posible, senón que é o futuro. Durante unha semana, do 15 ao 21 de setembro, os once espazos que conforman a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña organizarán unha programación de case 100 horas de actividades completamente gratuítas e abertas ao público xeral.
A deputada responsable de Emprego e Industria, Rosa Ana García, destacou que “o obxectivo desta iniciativa é fomentar o emprendemento local, dar a coñecer o que a Rede de Coworking da Deputación ofrece aos emprendedores e emprendedoras da provincia en cada un dos seus 11 centros, fomentar as sinerxías e redes de contacto que permitan crecer ás empresas e apoiar aos sectores clave na provincia, xa que os coworkings son especializados por áreas”.

Rede coworking: un ecosistema de emprendemento
A Rede Provincial de Coworking, creada no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, comenzou o seu funcionamento en 2019 coa posta en marcha do primeiro coworking no Pazo de Arenaza en Oleiros. Dende entón, a Rede non parou de medrar e a día de hoxe son 11 os espazos que a conforman, entre coworkings, viveiros de empresa e espazos colaborativos especializados na transformación agroalimentaria.
Esta Rede é única en Galicia, xa que cada un dos centros que a conforman atópase especializado no sector ou sectores estratéxicos da zona onde se localizan. A meirande parte destes centros atópanse no rural e todos eles prestan servizos de apoio e fomento ao emprendemento a nivel supramunicipal. Máis de 260 emprendedores e emprendedoras da provincia xa iniciaron os seus proxectos de negocio titorizados pola Deputación nun modelo único en España.



Programación diversa e especializada
O Rede Coworking Fest 2025 presenta unha programación que abarca desde xornadas de portas abertas ata formacións especializadas, pasando por obradoiros prácticos, charlas de especialistas, asesoramento personalizado a persoas emprendedoras, encontros empresariais sectoriais e ata unha feira labrega.
Algúns exemplos son as Formacións técnicas en Seguridade e mantemento informático, adaptación ao sistema VERIFACTU, viabilidade empresarial e economía social
Eventos de networking como o I Encontro de Benestar na Rede de Espazos de Traballo, que conectará tres coworkings en formato híbrido presencial-virtual
Experiencias únicas como a Travesía do Empoderamento con perspectiva de xénero, que combina navegación pola Ría de Arousa con formación empresarial
Contido audiovisual como a gravacións en directo do podcast “En Beta Permanente” con emprendedores reais da provincia
Visitas especializadas como os Tours por hortas locais e centros de transformación agroalimentaria
Unha xornada de proxectos enerxéticos: Incluíndo visita á división de Enerxías Renovables de Navantia
Once espazos, once oportunidades

As actividades desenvolveranse simultáneamente nos 11 espazos que conforman a rede: o coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o coworking A Capela, o centro de emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o coworking Dixital CCompostela (Santiago) e a Casa do Pescador (Miño).
Cada espazo organizará actividades adaptadas ás súas especialidades sectoriais, demostrando como o emprendemento rural pode ser tan dinámico e innovador como o urbano, coa vantaxe engadida da proximidade, a comunidade e a calidade de vida que ofrece o territorio coruñés.
Impacto consolidado
O éxito da primeira edición, celebrada en setembro de 2024 con 28 eventos diferentes e máis de 100 horas de actividades, demostrou a fortaleza deste modelo de emprendemento territorial. A segunda edición amplía a oferta e consolida a Rede Provincial de Coworking como un referente do emprendemento rural.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a Rede de Coworking da Deputación é “un motor do emprego na provincia, e moi especialmente no ámbito rural, onde contribúe a fixar poboación e a crear postos de traballo e novas oportunidades laborais e empresariais nos municipios máis pequenos da provincia”.
Información e inscricións
Todas as actividades do Rede Coworking Fest 2025 son completamente gratuítas e están abertas ao público xeral. As persoas interesadas poden consultar a programación completa e inscribirse nas actividades a través da web: https://redecoworking.pel.gal/rede-coworking-fest-2025
