Bisbarra, 5 de setembro do 2024 – A Deputación da Coruña ven de presentar o proxecto “Roma no Finis Terrae”, un traballo de investigación que ten como obxectivo coñecer máis sobre a presenza do exército romano en Galicia.
Financiado pola Deputación da Coruña a través do departamento de Patrimonio. “Roma no Finis Terrae” está dirixido desde a Universidade de Salamanca, coa participación da empresa Tempos Arqueólogos e o colectivo de investigación Roman Army.
Os primeiros traballos foron a escavación de dous importantes xacementos: o castro e campamento de Santa Baia (A Laracha) e a fortificación do Castrillón (Touro). Os datos das intervencións podense consultarse na web romanarmy.eu.
No acto de presentación de “Roma no Finis Terrae” participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e tres dos membros do equipo executor: o director do proxecto, Xosé Manuel Costa-García, profesor de Arqueoloxía na Universidade de Salamanca; o director arqueolóxico, Francisco Alonso Toucido, doutor en Historia, Xeografía e Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC); e o responsable de divulgación, Manuel Gago, xornalista, escritor e profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
Penas explicou que “Dende a area de Patrimonio, en colaboración nesta ocasión co departamento de Cultura, sabemos da importancia do patrimonio como radiografía do que é e foi o noso país. Por iso somos conscientes da relevancia cultural, social e mesmo económica de coñecer esa inmensa parte do patrimonio que aínda agarda por nós baixo as nosas penas ou os nosos montes”.
A aposta da Deputación, explicou o deputado, vai máis alá deste proxecto: “A mesma labor de recuperación estámola a facer en Portomeiro (Val do Dubra), no Parque do Megalitismo da Costa da Morte, no Parque da Idade de Ferro ou en Compostela Rupestre, sempre co obxectivo único da preservación, conservación, protección e, sobre todo, divulgación; para que o patrimonio que representa a nosa historia e o noso pasado o poida seguir sendo; para evitar que no futuro haxa que conservar o que o pasado perdeu”.
Tivo palabras de agradecemento Penas para o anterior deputado de Cultura, Xurxo Couto, “quen, desde o comezo, o mesmo que Xosé Manuel Costa, apostou por este proxecto tan importante para o noso patrimonio e a nosa historia”.
A través dunha combinación de ilustracións artísticas, elaboradas por Alberto Taracido— e recreacións tridimensionais hipotéticas, da man do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) a partir de modelos dixitais, tanto dos xacementos como das sondaxes realizadas polo equipo de traballo, o proxecto aposta por achegar á cidadanía dun xeito visual os resultados da investigación en xacementos arqueolóxicos efémeros e cunha cultura material moi limitada. A investigación continuará no xacemento do Cornado (Negreira) e no campamento da Cova do Mexadoiro (Trazo).
As intervencións arqueolóxicas leváronse a cabo nos meses de verán e outono de 2023. Os proxectos contaron, ademais, con visitas guiadas para a veciñanza da Laracha, Touro e visitantes de toda Galicia.