Bisbarra, 2 de decembro do 2024 – A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade o Plan Único (POS+) de 2025 cun orzamento récord de 86 millóns de euros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que será “o maior orzamento inicial do POS+ dende a súa creación en 2017 e permitirá que os concellos dispoñan, a partir do 1 de xaneiro de 2025, dun 72% máis de fondos da Deputación para o financiamento de obras, servizos públicos ou programas sociais”.
González Formoso destacou que no presente exercicio comezouse con 50 millóns que ao final de anos son xa 100 millóns de euros investidos e 508 obras aprobadas e engadiu que”imos iniciar 2025 cunha nova aínda mellor para os concellos da provincia: o Plan Único con maior orzamento inicial da historia desta Deputación”.
Formoso subliñou que Plan Único consolidouse nos últimos anos como unha ferramenta esencial para os municipios da Coruña, xa que lles proporciona “un marco estable de financiamento e recursos económicos que poden xestionar con total autonomía”, permitindo atender as súas necesidades máis inmediatas e acometer proxectos estratéxicos a medio e longo prazo.
Cos fondos dos POS+2025, os concellos poderán abordar actuacións fundamentais en áreas clave como a mellora das infraestruturas públicas, incluíndo mellora de estradas e núcleos rurais e urbanos, sistemas de abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, parte dos fondos (7 millóns de euros) destinaranse a reforzar os programas sociais municipais que contribúen ao benestar da poboación máis vulnerable.
Bisbarra
Para a bisbarra de Compostela supón cerca de 6.000.000 millóns de euros aos que habería que engadir o destinado a asuntos sociais e gasto corrente. Ames, Arzúa, Ordes, Santa Comba ou Santiago superarán o millón de euros de investimento. Boqueixón, Brión, Frades, Negreira, Oroso, Padrón, Rois, Touro, Trazo, Val do Dubra ou Vedra superarán en distintas cantidades o medio millón de euros.
Outro dos aspectos máis destacables do Plan Único é a súa aposta pola simplificación administrativa, xa que integrou diferentes plans e liñas de financiamento nunha única convocatoria, facilitando aos concellos a xestión dos recursos e reducindo a burocracia.
O Plan Único é o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que, ao final do ano, representan entre 90 e 100 millóns de euros anuais, case a metade do orzamento da Deputación da Coruña. En 2025, cun orzamento inicial de 86 millóns de euros prevese que o POS+ supere amplamente esa cifra.
O pleno aprobou unha declaración institucional con motivo do 25N, aprobou cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e o voto en contra do PP unha moción en defensa da promoción do uso do idioma galego e rexeitou a moción do PP sobre abandono de animais domésticos.