Bisbarra, 23 de maio do 2023 – A Deputación da Coruña levará ao pleno do vindeiro venres as obras de humanización da avenida da Grabanxa, en Oroso.
O investimento previsto para a Grabanxa é de 518.548 euros. A obra suporá a remodelación das beirarrúas entra a praza da Foca e o Camiño do Refuxio, mellorando unha das principais entradas e travesías de Sigüeiro.Repoñeranse os servizos básicos de abastecemento e saneamento e definirase unha nova aliñación do bordiño para executar posteriormente novas beirarrúas, vados peonís e badéns. Ademais, renovarase o pavimento asfáltico da avenida da Grabanxa; melloraranse os accesos aos garaxes, instalaranse novas luminarias e xardineiras, plantaranse árbores e recolocaranse elementos de mobiliario urbano.O obxectivo do proxecto é mellorar a seguridade viaria dos peóns, e ampliar o espazo público dotándoo de mobiliario e especies arbóreas que outorguen á avenida unha imaxe máis sostible. As obras permitirán mellorar a accesibilidade e reducirán a velocidade neste tramo con bandas redutoras.Co fin de mellorar as beirarrúas colocaranse baldosas hidráulicas. Tamén se renovará o pavimento asfáltico e instalaranse novas ramplas de acceso aos garaxes. Complementarán as actuación a colocación de bolardos, maceteiros, e contedores de residuos sólidos urbanos. As obras terán unha duración de seis meses a partir da data da formalización do contrato.