Bisbarra, 30 de marzo do 2023 – O Presidente da Deputación, Valentín González, anunciou u investimento de 900.000 € en Oroso destinados á reforma da avenida da Grabanxa e ao novo centro deportivo de Sigüeiro.

González Formoso reuniuse no concello con alcalde de Oroso, Luís Rey, e con concelleiros do equipo de goberno, entre eles o deputado de Economía e Facenda Antonio Leira. Na súa intervención, destacou “o grande apoio da Deputación da Coruña aos concellos para acometer proxectos que sen a colaboración provincial serían inviables”.
O investimento na avenida da Grabanxa será de 500.000 euros nunha reforma que irá desde a Praza da Foca ata o CEIP de Sigüeiro. Esta actuación ten un prazo de execución de seis meses. Mellorará unha das principais entradas de Sigüeiro coa reposición dos servizos básicos de abastecemento e saneamento e a definición dunha nova aliñación do bordiño para executar posteriormente novas beirarrúas, vados peonís e badéns.
Tamén se renovará o pavimento asfáltico, melloraranse os accesos aos garaxes, instalaranse novas luminarias, plantaranse árbores, instalaranse xardineiras e recolocaranse elementos de mobiliario urbano.
Por outra banda, Valentín González Formoso tamén comprometeu unha aportación de 400.000 euros para cofinanciar a execución do proxecto do novo Centro Deportivo de Sigüeiro, presentado a finais do ano pasado.
A aportación provincial quedará comprometida no pleno deste vindeiro venres a través dunha modificación de crédito e tanto o Concello como a Deputación agardan que a Administración autonómica se implique tamén na cofinanciación desta infraestrutura deportiva.
O alcalde de Oroso agradeceu “a implicación e o compromiso de Valentín Formoso e da Deputación da Coruña coas necesidades do Concello de Oroso” e lembrou que outro dos “proxectos estrela” deste mandato, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, “tamén leva o cuño da Deputación da Coruña”.
“Con estas dúas obras anunciadas hoxe estamos a construír un Oroso aínda máis moderno e dinámico e iso sería inviable sen contar coa colaboración dun político como Valentín e dunha institución como a Deputación da Coruña”, subliñou Luis Rey.