Hai tempo que a economía circular é unha aspiración de moitos organismos como xeito de reciclaxe ou de desperdicio cero. Reutilizar o que se produce dándolle unha segunda vida ou procurando que a conversión en lixo sexa o máis tardía posible.
IndusSym Coruña, promovido por Viratec en colaboración coa Asociación Área Empresarial do Tambre e co cofinanciamento da Deputación, ten como obxectivo identificar oportunidades reais de intercambio de recursos (residuos, subprodutos, enerxía ou auga) entre empresas situadas nos polígonos industriais do Tambre, Costa Vella e A Sionlla.

Compostela acolleu unha xornada para poñer en común os avances conseguidos en este proxecto de economía circular. A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, salientou a importancia de avanzar cara a unha industria máis eficiente, colaborativa e respectuosa co medio ambiente.
Durante a xornada púxose en valor a relevancia do apoio da Deputación para facer posible a aplicación práctica da economía circular no ámbito industrial, facilitando a cooperación entre empresas e promovendo solucións innovadoras con impacto positivo a nivel ambiental, económico e social. Na actualidade, o proxecto conta coa participación de 16 empresas destes polígonos industriais e consolídase como unha iniciativa de referencia na provincia da Coruña para avanzar na implantación da simbiose industrial como panca de competitividade e sostenibilidade.
