Bisbarra, 22 de xaneiro do 2024 – A Deputada de Vías e Obras, e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, visitou o concello de Dodro para valorar o proxecto de senda peonil ao longo da estrada provincial 3302.

Trátase dunha obra na que se leva traballando moito tempo e que uniría o lugar de Tallos co da Igrexa. Un percorrido moi usado pola veciñanza xa que conecta espazos como a Casa do Concello, o colexio Eusebio Lourenzo Baleirón ou a igrexa de San Xián de Laiño.
Baixo unha forte chuvia deputada, alcalde e concelleiro visitaron a estrada para coñecer o espazo polo que discorrería a senda.
Nunha segunda fase a Deputación podería ademais arranxar parte da estrada para, posteriormente, cedela ao concello para que se convertera nunha vía urbana. Mónica Rodríguez valorou positivamente o proxecto e mostrouse disposta a apoiar a obra de forma que sexa unha realidade en esta lexislatura.