A Coruña, 18 de setembro do 2017 – Varias actuacións que van desde a mellora das condicións da ruta até unha exposiciónde debuxos de Xosé Yañez mostran a aposta da Deputación da Coruña polo Camiño Inglés.
O deputado de Turismo, Xosé Regueira, presentou diversas iniciativas na inauguración da exposición de debuxos de Xosé Yáñez que itinerará por diversos concellos da provincia.
Xosé Yañez repasa no seu traballo a ruta desde os seus inicios na Coruña e Ferrol até o destino en Compostela, Segundo o deputado de Turismo, Xosé Regueira, “José Manuel Yáñez retrata coa mestría do debuxante que en plena era dixital segue pensando que os lapis e os pinceis aínda son a mellor maneira de deixar memoria das súas viaxes, e dos seus camiños”. O deputado responsábel da área de Turismo presentou con motivo da exposición de debuxos de Xosé Yáñez, diversas actuacións que contribuirán á mellora e posta en valor do Camiño Inglés, obxecto dos debuxos que se expoñen na Casa Casares Quiroga da Coruña e que, a seguir, itinerarán por diversos concellos da ruta.
Regueira defendeu a aposta firme da Deputación da Coruña polo que está considerado como Primeiro Itinerario Europeo e lembrou actuacións como a mellora da sinalización, a implantación de códigos QR, a edición de folletos divulgativos e guías en diferentes idiomas ou a presentación do Camiño Inglés en importantes escaparates turísticos e promocionais. Neste sentido, o deputado de Turismo sinalou que, na actualidade, desde a Deputación estase a impulsar unha nova edición do Fairway en Compostela e hai poucos meses desenvolvíase un importante labor de sensibilización, divulgación e promoción co programa “Primavera no Camiño”.
A Deputación participará, ademais, en calidade de partners do Concello de Abegondo, nun proxecto europeo para a potabilización de fontes no ámbito do Camiño Inglés e nestes momentos está a preparar a licitación de varias actuacións de mellora ao tempo que se manteñen contactos coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés para afrontar novos retos e obxectivos conxuntos.
A Coruña, Oroso e Carral, primeiras paradas na ruta
A Coruña, Oroso e Carral serán os primeiros concellos que acollerán a itinerancia da exposición “Olladas ao Camiño Inglés” , a colección de augatintas de José Manuel Yáñez, autor dunha ampla obra artística e de investigación arredor do patrimonio histórico.
Na actualidade, a mostra pódese ver na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12. A Coruña) para logo dirixirse a Oroso onde estará aberta do 3 ao 15 de outubro e despois a Carral, onde permanecerá do 16 ao 29 de outubro.
A exposición recolle a través do debuxo elementos patrimoniais significativos deste itinerario xacobeo e enmárcase dentro das iniciativas para potenciar e promocionar o Camiño inglés que se promoven desde a Deputación da Coruña.
