Bisbarra, 31 de xaneiro do 2024 – Ata o 22 de febreiro está aberto o prazo de solicitude das diferentes liñas de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, cun orzamento total de 8,2 millóns de euros.
Para informar sobre o PEL o presidente da Deputación, Valentín González, e a deputada de Industria, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García; e persoal técnico, reuniuse cos resposnables da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE), da Asociación Coruñesa de Transportes Discrecionais e Especiais (ACOTRADES) e da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (FEGATRAMER).
Valentín González destacou que o sector dos autónomos “é clave para a economía galega, xa que xera o 20% do total de empregos, pese ao cal o número de profesionais autónomos non deixa de baixar en Galicia nos últimos anos. Perdemos 12.000 autónomos desde 2016, uns datos que evidencian a necesidade de accións que axuden a reverter esa situación”.
O presidente informou ás asociacións de autónomos dos prazos para presentarse ás axudas do PEL. Unha iniciativa que ten como obxectivo apoiar a contratación de persoal, o financiamento de novos investimentos que melloren a competitividade dos pequenos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social dos profesionais autónomos con axudas que poden alcanzar os 45.900 euros.
As persoas autónomas poden solicitar unha axuda de ata 2.400 euros para sufragar un ano de cotas á Seguridade Social, é dicir, 200 euros por cada mes de cota subvencionable, pero poden optar tamén a outras liñas do PEL.
Peticións dos autónomos
Pola súa banda, os representantes dos colectivos de autónomos resaltaron a difícil situación que están a atravesar varios sectores por falta de persoal, como o da hostalería, o da construción e, especialmente o sector do transporte, para o que solicitaron colaboración das administracións en cuestións como a formación de condutores de transporte de mercadorías.
As asociacións de autónomos e transportistas realizaron unha serie de propostas, como a de ampliar as axudas aos autónomos societarios e a aqueles que conten con máis de 5 anos de actividade empresarial. A Deputación comprometeuse a valorar estas cuestións de cara a futuras convocatorias e a continuar apoiando aos e ás profesionais autónomos, especialmente a aqueles que desenvolvan a súa actividade empresarial nas zonas rurais da provincia.