A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a asociación Veciñal de San Mamede e a de Veciños de Casas do Porto, en Rois, coas que colaborou o ente provincial.

Unha das apostas da Deputación da Coruña é polo medio rural e o desenvolvemento de proxectos de interese comunitario. O apoio a distintas asociacións veciñais da provincia é un dos eixes de ea política e Rois un dos concellos nos que se actuou.
A deputada de Medio Rural da Deputación, Cristina Capelán, visitou dúas de estas entidades do concello de Rois. Estivo acompañada pola tenente de alcalde, Mercedes Bastante, o concelleiro Manuel Regueira e membros da directiva de ambas asociacións.
A primeira parada foi na Asociación Veciñal de San Mamede, que recibiu unha achega de 4.474 euros da Deputación para a adquisición de novo mobiliario para o seu local social. Esta mellora permite á entidade desenvolver as súas actividades en condicións máis confortables e adecuadas, contribuíndo á habitabilidade e funcionalidade do espazo comunitario.
Posteriormente, a deputada desprazouse ata a Asociación de Veciños de Casas do Porto, onde a Deputación financiou con 23.132 euros o acondicionamento e mellora da coñecida como “Eira dos Hórreos”.
As actuacións incluíron obras de empedrado, a construción dun muro de contención e a instalación dunha baranda de madeira. Estes traballos permiten non só mellorar a accesibilidade da zona, senón tamén conservar o seu valor etnográfico e patrimonial, mantendo a estética tradicional que a caracteriza.
Cristina Capelán destacou “o papel fundamental do tecido veciñal na dinamización social e na preservación do noso patrimonio”, e sinalou que “a Deputación da Coruña segue comprometida co apoio ás entidades que traballan polo benestar da veciñanza e pola posta en valor do rural galego”.
As achegas forman parte da liña de subvencións de promoción económica que a Deputación da Coruña destina cada ano a asociacións veciñais sen ánimo de lucro dos núcleos rurais para fomentar o desenvolvemento local, a mellora de infraestruturas e a participación cidadá.
Na última semana, a Deputación vén de conceder 225.000 en axudas a 16 entidades veciñais do rural en distintos concellos da provincia da Coruña.