A Deputación da Coruña apoia á asociación de veciños Río Samo de Frades na mellora de infraestruturas no rural
A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, visitou a asociación de veciños Río Samo no concello de Frades, onde mantivo unha reunión coa directiva da entidade para coñecer as súa necesidades e proxectos.

Capelán destacou a importancia da promoción económica impulsada pola Deputación para a mellora das infraestruturas no rural. A través destas axudas, a asociación Río Samo de Frades recibiu apoio económico para melloras, como a construción do peche da pista multiusos situada detrás da súa sede.
As axudas permitiron acometer proxectos como a conservación do palco da música, melloras no parque infantil, no aparcadoiro e na área recreativa da Fraga do Petón, contribuíndo así á dinamización e á mellora da calidade de vida da veciñanza de Frades.

A deputada subliñou o compromiso da Deputación da Coruña co desenvolvemento do rural, apostando por investimentos que reforcen o tecido asociativo e melloren os servizos e infraestruturas dos municipios da provincia.
“Estas axudas son fundamentais para garantir que as entidades veciñais conten con espazos axeitados para o seu funcionamento e para ofrecer mellores servizos e actividades á súa comunidade”, afirmou Cristina Capelán.
A visita rematou cun percorrido polas instalacións renovadas, onde a directiva da asociación de Frades agradeceu o apoio da Deputación e trasladou novas propostas de mellora para o futuro, entre elas a dotación de novo mobiliario urbán para dotarse dunha área recreativa.