Compostela, 11 de xullo do 2019 – O BNG de Compostela denuncia que a depuradora do aeroporto contamina o regato da Sionlla, na aldea de Mourentáns, desde hai anos sen que desde Fomento se fixera nada.
Os nacionalistas se preguntan porque razóns non se contemplou na construción da nova terminal a ampliación da depuradora. No vindeiro pleno presentarán unha moción para instar a AENA a que solucionen estes problemas.
Desde o 2013
En rolda de prensa no pazo de Raxoi, Goretti Sanmartín xunto con Cristina Guerra e Pablo de Prado, do comité de empresa de AENA no aeroporto, sinalou que esta nova depuradora que aínda está pendente “xa tiña que estar na previsión de cando abriu a nova terminal do Rosalía de Castro, co incremento das instalacións, como se fixo cunha nova separadora de hidrocarburos e cunha nova central eléctrica”. No acto de presentación da iniciativa expuxeron un vídeo e fotos das verteduras contaminantes ao regato da Sionlla, en Mourentán.
Pola súa parte, Pablo de Prado, destacou que xa no Comité de Sanidade e Saúde Laboral do aeroporto de Santiago, con data do 27 de setembro de 2013, “se envía un correo á dirección do aeroporto para informar con fotografías de que a auga da EDAR saía contaminada e a instalación da balsa estaba a piques de rebordar”. “En 2014 informaron de que ían limpar a EDAR, mais limparon as silveiras do redor, e ante unha nova pregunta se expón que Augas de Galicia ten constancia do estado da depuradora”, explicou. En 2017 volveuse preguntar de novo polo estado das verteduras da depuradora, para completar o seguimento.
Cristina Guerra sinalou que “os vertidos desta depuradora son un segredo a voces na aldea de Mourentán onde se ve que hai un punto do regato da Sionlla que cheira e ten a auga turbia; nun núcleo de vivendas situado a 150 metros do Aeroclub”. A veciñanza da Lavacolla sabe que as verteduras levan anos así. “Collín o pasado sábado unha mostra de auga, que está turbia e ten sólidos procedentes da depuradora”, destacou.
O aeroporto abriu expedientes a empresa mantedora
O aeroporto de Santiago conta cunha autorización emitida por Augas de Galicia desde xuño de 2011 para a vertedura de augas residuais depuradas. Esta autorización foi modificada en abril de 2014, a petición de AENA, para incluír un novo punto de augas residuais e pluviais depuradas procedente da ampliación da plataforma de estacionamento de aeronaves.
Na resposta que recibiu o BNG, a través das xestións do deputado Jon Iñarritu no Congreso, sinálase que a respecto dos límites autorizados, o aeroporto de Santiago abriu expediente de penalización en dúas ocasións (maio e xuño 2018) á empresa mantedora. “Os niveis de Nitróxeno, que teñen como límite máximo 15 miligramos/litro, estaban en 123; e os aceites e graxas, cun límite de 20 miligramos/litro, estaban en 363”, explicou Goretti Sanmartín. Estes son algúns dos parámetros que aparecen de maneira reiterada e superan os niveis con moito, segundo recolle o informe, engadiu. Por este motivo, procedeuse a aplicar unha penalización nos importes das certificacións correspondentes ás anualidades de 2017 e 2018.
Logo dos resultados das últimas analíticas, con data 14 de setembro de 2018, comunicouse a Augas de Galicia que despois de realizar unha análise das posíbeis causas que motivaron estes incumprimentos, se comprobou que a planta depuradora presenta limitacións estruturais e de capacidade, debido ao aumento da carga contaminante que recibe. Por iso, na resposta recibida polo BNG dise que AENA tomou a decisión de acometer a construción dunha nova planta depuradora para iniciar os traballos en 2020, cunha duración de execución do proxecto de 14 meses. De aí que o BNG reclame a dotación orzamentaria para a súa realización.