Ordes, 10 de maio do 2017 – O Dépor Campus chega ao concello de Ordes do 24 ao 28 de xullo no campo de Vista Alegre, e está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos.
O campus futbolístico organizado polo RC Deportivo da Coruña foi presentado oficialmente en Ordes, nun acto no que se contou coa asistencia de Pablo Barros, director do campus; Xosé Barcala, director de metodoloxía; Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Ordes; José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; Ana Soneira, concelleira de Deportes e Toño Vázquez, representante da S.D. Club Ordes.
A mecánica desta iniciativa baséase na aplicación do chamado método Dépor. Entre os obxectivos que se perseguen están a ensinanza de habilidades e conceptos en relación cos compañeiros, opoñentes e co xogo dos porteiros; fomentar a adquisición de hábitos alimenticios saudables e a transmisión de valores representativos do club como son o respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade. Todo iso impartido por profesionais pertencentes ao club herculino e apoiados por técnicos do Ordes.
As inscricións xa se poden realizar ata o 20 de xullo a través do enlace http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/ordes-2017/inscribete. O prezo é de 120 euros. Os xogadores da S.D.C Ordes, familias numerosas e en situación de exclusión social e a partir do segundo fillo gozarán dun desconto especial de 20 euros. Cada xogador recibirá o debida equipamento, merenda diaria, entradas para encontros do torneo Teresa Herrera, material deportivo, ademais de entrar en distintos sorteos.
Todos os representantes institucionais presentes no acto agradeceron a consideración do RC Deportivo da Coruña por incluír a comarca de Ordes dentro do seu itinerario. Tamén puxeron de manifesto o seu desexo de que “esta sexa a primeira de moitas convocatorias deste tipo que se organicen de maneira conxunta”. Con Ordes son xa dez as localidades das provincias da Coruña e Lugo que acollerán o Dépor Campus este verán. Tanto a Mancomunidade de Ordes como a S.D. Club Ordes colaboran activamente na súa celebración.
Dende o comezo da súa andaina, hai tres anos, o Dépor Campus xa conta con 13 sedes, algunha incluso no estranxeiro como a de Suíza, e polas súas filas levan pasado xa máis de 3.500 nenos e nenas.