Santa Comba, 18 de abril do 2022 – O Partido Socialista presentará unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para que a Xunta investigue a destrución dun humidal e unhas turbeiras en Castriz, Santa Comba.

Pablo Arangüena (primeiro pola esqueda) e Martín Seco (segundo pola dereita) con concelleiras de Santa Comba e un membro de Ecoloxistas en Acción
O deputado pablo Arangüena visitou a zona acompañado do tamén deputado Martín Seco. Comprobaron que en Castriz se está a transformar unha extensión de máis de cen hectáreas de turbeira e breixo nun enorme eucaliptal “que vai desecar este humidal e eliminar a vexetación”. Arangüena lembrou que, tanto este tipo de hábitats como esta especie, son “prioritarias”, segundo a directiva europea de hábitats.
O deputado sinala que se trata “dunha zona de alto valor ecolóxico e que a Xunta debera protexer. Estamos ante un auténtico despropósito e un atentado ambiental de gran magnitude, ante o que o goberno galego debe actuar e dar explicacións”.
O parlamentario do PSdeG sinala que a de Castriz se trata dunha das áreas de turbeiras e brezal máis extensos de Galicia. Porén, “a Xunta nin sequera o ten catalogado e, polo tanto, a efectos administrativos non existe e pódese destruír sen máis”.
Como mostra da súa importancia, Arangüena explica que malia que os humidais, como esta turbeira, non chegan ao 5% da superficie do planeta, estímase que proporcionan o 40% dos servizos ecosistémicos. Contan cunha enorme biodiversidade e achegan beneficios no ciclo da auga, no alimento de especies ou na prevención de inundacións e incendios.
Ademais, indica que as turbeiras, en particular, son un dos maiores sumidoiros de carbono do planeta e están ameazadas en Galicia pola eucaliptización, sobre todo, e polos proxectos eólicos. Así, lamentou que dos humidais galegos queda o 50% dos que había a principios do século pasado e tan so está teoricamente protexida unha mínima parte.
Esa falta de catalogación da gran maioría dos humidais galegos -en particular das turbeiras, que son sumidoiros de CO2- está levando a “que se permita a súa destrución acelerada e xeneralizada, sobre todo por plantacións de eucaliptos e parques eólicos, ante a total pasividade da Xunta”.
Nesta liña, Pablo Arangüena explica que existe un decreto do ano 2008 que obriga a elaborar un inventario dos humidais de Galicia, pero “o goberno de Feijóo, incriblemente, négase a cumprir a súa propia normativa e tamén a acatar a europea”.