Nos últimos as queixas por recortes na sanidade multiplicáronse. Esta diminución de servizos afectou tamén, en moitos concellos pequenos, aos servizos de pediatría como podemos ver nas novas que fomos publicando sobre este tema https://lindeiros.net/?s=pediatra .
Agora estes recortes parecen alcanzar a vilas máis grandes como pode ser Compostela. O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, anunciou que o seu partido esixirá no Parlamento de Galicia a restitución inmediata da atención pediátrica diaria no centro de saúde de Conxo, ante a falta de garantía dunha atención diaria continuada neste servizo.

Bouza advertiu de que a atención pediátrica non está a prestarse de maneira diaria con normalidade no centro de saúde de Conxo, unha situación que afecta directamente ás familias con menores adscritos a este centro e que supón unha redución da asistencia sanitaria dispoñible.
Ao seu xuízo, trátase dunha medida que “o que fai é atacar a sanidade pública en Santiago de Compostela”. O dirixente socialista avanzou que, “dende o Partido Socialista”, esixirán que “se restitúa de maneira inmediata a atención pediátrica no Centro de Saúde de Conxo”, así como que se garanta unha cobertura estable para as nenas e nenos adscritos a este centro.
Bouza subliñou que a falta de substitucións non pode derivar en recortes asistenciais nin en desprazamentos forzosos das familias a outros centros sanitarios, xa que estas merecen ter unha atención de calidade” e “non ter que desprazarse a outros centros”, nun sistema público que conta con “excelentes profesionais”.
Neste sentido, lembrou que cando se produce unha baixa “se ten que suplir por parte do goberno galego” e adoptar “as medidas necesarias” para que a dotación sexa suficiente e a atención “poda ter unha calidade óptima”, evitando así que se produza “un recorte dos servicios nos centros de saúde”.
Finalmente, Bouza reclamou ao presidente da Xunta unha resposta inmediata ante esta situación e pediulle que non ignore as demandas das familias. O deputado socialista esixiulle ao “señor Rueda que non mire para outro lado”, que “non castigue ás familias que necesitan esa atención pediátrica” e que “restitúa de maneira inmediata esa atención diaria neste centro”, garantindo “unha sanidade pública de calidade”.
