Touro, 28 de outubro do 2021 – Ecoloxistas en acción pon de novo o foco na mina de Touro e denuncia que Augas de Galicia tramita unha presunta autorización de vertidos de augas residuais.
O grupo engade que actuación proposta requiriría a revisión do plan de restauración da mina e do proxecto de abandono e clausura das instalacións de residuos mineiros. O proxecto, que según os ecoloxistas se fai pasar por un trámite menor, implica unha autorización de vertidos de augas residuais mineiras nos cauces pluviais da zona.
O proxecto remata esta semana o prazo de exposición. Denominado «Proyecto de Drenaje Integral de la Concesión de Explotación San Rafael» foi presentado ante a administración como unha obra en zona de cauces. Os traballos, para os que se solicita autorización, implican na práctica un permiso de vertidos de augas residuais mineiras nas canles pluviais da zona, unha delas o río Portapego.
Este modelo de trámite, pensado para obras menores, implica menos días de exposición pública en comparación co da autorización de vertido, e non require informes sectoriais. Ecoloxistas en acción denuncia que «O que está tramitando actualmente Augas de Galicia como mera obra en zona de policía de cauces, é unha modificación do sistema de drenaxe dunha instalación de residuos mineiros dunha instalación de clase A, as de maior perigosidade».
Engaden como proba que o depósito figura no «Inventario de instalaciones de residuos de industrias extractivas cerradas y abandonadas en España que tienen un impacto medioambiental grave o que pueden convertirse a medio o corto plazo en una amenaza grave para la salud de las personas o para el medio ambiente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico».
Os ecoloxistas consideran que «están a forzarse os procesos administrativos en favor dos intereses das empresas mineiras. Isto pon en risco o medio ambiente e a saúde pública en áreas xa moi afectadas e vulnera os nosos dereitos cidadáns. Algo se esconde na política mineira da Xunta».