Compostela, 18 de novembro do 2020 – Cig Saúde de Compostela denuncia que se incumpre a Guía para prevención de riscos con axentes biolóxicos nos uniformes pola masificación dos vestiarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o CHUS.
O sindicato explica que os traballadores non teñen vestiarios insuficientes, faltan taquillas, tanto para persoal eventual como fixo, faltan dispensadores de papel secamáns, toallas, perchas, o aforo excesivo impide manter as distancias de seguridade, e na zona de duchas hai colas para facer uso delas ou a auga é imposible de regular. Estas son algunhas das cuestións que se salientan na denuncia que a CIG-Saúde Compostela presentou perante a Inspección de Traballo.
A terceira denuncia
Cig destaca que non é a primeira denuncia xa que no último mes presentáronse xa dúas máis “pola incapacidade da Xerencia de dar respostas e adecuación de espazos, non agora senón dende o comezo da pandemia”.
No escrito rexistrado sinálanse cuestións como a imposibilidade de manter as distancias de seguridade polo exceso de armarios acumulados nos espazos dos vestiarios, que incumpren “claramente” o protocolo de PRL do Ministerio, onde consta que debe manterse unha distancia de seguridade entre traballadoras/es de 1,5 metros e que os aforos dos locais deben establecerse respectando as medidas de seguridade.
Isto, segundo o sindicato, ten provocado queixas constantes do persoal que se ve abocado a agardar para facer uso dos vestiarios ou, como no caso do de Urxencias, a utilizar un edificio anexo e non pertencente ao ámbito hospitalario para poder lavarse ao rematar a xornada en zona covid.
A denuncia recolle os numerosos escritos dirixidos tanto ao comité de Seguridade e Saúde, como á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza por estas cuestións sen que, até a data se fixera absolutamente nada.
Deficiencias que afectan tamén a uniformes e lencería
Na denuncia tamén se recollen os escritos presentados en relación cos uniformes e a lencería. A Covid puxo en evidencia non só a importancia de contar con EPIs, senón tamén a importancia de que os uniformes estean deseñados para evitar contaxios. Por iso o persoal solicitou novos modelos de uniformes abertos pola parte dianteira a modo de chaqueta e que se puidera pechar con corchetes.
O modelo actual, de casaca “non é garantista na prevención de riscos relacionados con axentes biolóxicos, ao ter que sacarse pola cabeza arrastrando a contaminación pola cara e o pelo”, sinalan.
Un problema ao que engaden deficiencias no circuíto de lavado, ao non prover en tempo e cantidade suficiente a uniformidade; uniformes que se extravían ou deterioran ou falta de organización e instrucións de cómo recoller e desbotar para contaminar o menos posible. A este respecto, a administración quedou pendente de presentar un proxecto, para o que aínda están esperando.