[columns]
[column size=”1/2″] A agrupación política Veciños de Padrón considera esta situación de grandísima gravidade
[/column]
[column size=”1/2″]Fonte: Veciños de Padrón[/column]
[/columns]
Padrón, 26 de outubro do 2016 – A veciñanza do municipio de Padrón podería enfrontarse, nos vindeiros meses, a un considerable gasto: 137.437,42€. Esta é a cantidade total que reclaman catro traballadores da Oficina de Urbanismo e Rehabilitación, algúns deles contratados dende o ano 2005, en compensación polos anos traballados sen estar recoñecidos coma persoal laboral indefinido, recoñecemento que demandan agora ao Concello. Unha situación que a interventora municipal expuxo nos seus informes ao longo do tempo, e que o actual goberno do Partido Popular ignorou ata chegar ao día de hoxe.
A agrupación política Veciños de Padrón considera esta situación de grandísima gravidade, primeiro, porque serán os padroneses e padronesas os que teñan que pagar cos seus cartos as incompetencias do alcalde e o seu equipo; e segundo, porque a pesares de producirse a reclamación en decembro de 2015, ningún membro do goberno se molestou en comunicarlle a situación ao resto da oposición. Pero o máis grave de todo foi a incapacidade do alcalde para actuar e buscar solucións, como el mesmo manifestou na Comisión Informativa celebrada, a petición da oposición, para informar da situación o pasado 10 de outubro, e onde afirmou que se deixaría aconsellar polo avogado da deputación a pesares de ter ignorado a interventora municipal durante anos.
Veciños de Padrón considera inadmisible o pasotismo, a apatía e a absoluta inmobilidade do goberno ante problemáticas creadas polo seu propio equipo, ao ignorar as recomendacións da intervención municipal e non ter sacado estas prazas a oposición pública no seu momento; unha nova mostra da súa recoñecida incapacidade para xestionar e desempeñar o seu cargo. Por outra banda, a formación entende a lexitimidade dos traballadores para facer valer os seus dereitos; pero recorda que para exercer traballos de funcionariado, os contratos deben seguir os principios reitores da contratación pública: concorrencia, publicidade, igualdade e non discriminación. Por este motivo, e seguindo a solución aportada pola intervención, insta a sacar estas prazas a oposición pública.