ADEGA e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa presentan un contencioso administrativo ao resolver a Xunta a concesión presuntamente fora do prazo establecido.

No seu día a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, xa advertira en distintas roldas de prensa que a loita contra a implantación de ALTRI pasaría polos xulgados e serían procesos longos; de feito a organización iniciou distintas campañas de recadación de fondos para soster estes procesos.
Tamén desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa avanzábase a disposición a loitar contra ALTRI en todos los espazos posibles e a xustiza era un deles. Agora ambas as dúas organizacións únense nunha demanda que require unha explicación para saber en que punto se está. A CIG (Confederación Intersindical Galega) presenta pola súa banda tamén un recurso xudicial propio polo mesmo motivo.
Podes ler tódalas publicacións sobre ALTRI no seguinte enlace https://lindeiros.net/?s=altri
Concesións e prazos
A demanda é un contencioso-administrativo contra a denegación do recurso de Alzada que pedía o arquivo do expediente de solicitude de concesión de augas de Altri, por ter transcorrido o prazo máximo legal sen que a Xunta o resolvera.
Na tramitación da concesión de augas de Altri (46.000 m3/día), o Regulamento do Dominio Público Hidráulico fixa un prazo máximo de 18 meses para resolver, tras os cales a solicitude se entenderá desestimada.
O procedemento comezou co inicio do trámite de competencia nun momento igual ou anterior ao 30 de novembro de 2022, data na que o BOP da Coruña (nº 227) publicou o Anuncio do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galiza Centro, da apertura do trámite de competencia de proxectos da solicitude con clave DH.A36.88645. Xa que logo, o prazo para resolver tería rematado o día 30 de maio de 2024, 18 meses despois da data da primeira publicación en boletín oficial.

Reclamacións e prazos
ADEGA, a PDRA e a CIG, xunto cunha manchea de colectivos e particulares, solicitaron en febreiro pasado á Directora de Augas de Galiza que declarara de caducidade do procedemento, sen termos recibido resposta expresa pasados 3 meses, polo que a petición ficou desestimada.
Xa que logo, recorreuse en Alzada a desestimación e desta volta, o 1 de agosto pasado, houbo resposta: a Presidenta de Augas de Galiza desestimou os recursos, porque o transcurso do prazo para resolver unha concesión implica poder considerala desestimada, mais non determina o arquivo do expediente. Isto significa que Augas aínda podería resolver fóra do prazo máximo, e mesmo autorizar o caudal solicitado por ALTRI.
Na súa resposta, o Servizo de Tramitación de Autorizacións e Concesións de Augas de Galiza xustificaba a súa demora en resolver na “complexidade do procedemento concesional de clave DH.A36.88645, que inflúe nos tempos de tramitación deste procedemento, excedéndoos pero sen que, en ningún caso, dito exceso poida traducirse en prexuízos para terceiros interesados”.
Porén, as entidades recorrentes consideran que dita demora causa inseguridade xurídica, e un prexuízo ao interese público invocado polos alegantes: ADEGA, coa súa participación no trámite de competencia, defendía que o caudal solicitado por ALTRI fose dedicado a usos ambientais e de abastecemento, obxectivo contrario ao pretendido pola pasteira.
