Compostela, 16 de xullo do 2021 – O 29 o proxecto para o solar da antiga sede do Colexio Peleteiro irá a pleno e as propostas defínense un pouco máis.
Este xoves era Compostela Aberta quen concretaba a súa proposta. Unha idea apoiada desde os colectivos veciñais e de comerciantes e que presentou á Comisión de Peleteiro.
A portavoz municipal Marta Lois e o concelleiro Jorge Duarte deron a coñecer a alternativa que mantén a prioridade da apertura dunha praza pública cara República Arxentina, incorporando unha nova rúa aberta cara San Pedro de Mezonzo.
A portavoz municipal explicou que “Compostela Aberta quere que a operación Peleteiro quede resolta, porque sabemos que iso é bo para Santiago e, en particular para o Ensanche”. Marta Lois incidiu en que “CA vén mostrando o seu ánimo propositivo desde a primeira xuntanza da comisión, demostrando que non todos somos iguais porque se a modificación do PXOM neste ámbito non está resolta desde o pasado mandato é porque o PSOE así o quixo baseándose unicamente en intereses electoralistas”.
A proposta de Compostela Aberta mantén a apertura da praza pública de case 1.400 metros cadrados cara a República Arxentina “porque temos o convencemento de que esta é a mellor alternativa, porque é a opción que demanda o tecido comercial e a maior parte da veciñanza afectada, e porque mesmo a propiedade recoñece que esta configuración lle valería para desenvolver este ámbito”. A maiores incorpórase a apertura dunha rúa cara San Pedro de Mezonzo, “que tería un ancho de 10 metros, e unha superficie de case 270 metros cadrados”. A praza estaría rodeada por tres bloques, e o que dá cara a rúa da Rosa tería menos altura que os outros dous, de xeito que non prexudicaría aos inmobles xa existentes e sombrearía menos a nova praza púbica. Ademais, “tamén quedaría resolto o problema da medianeira, que quedaría oculta tal e como demandan os técnicos”.
O goberno municipal ten tres propostas
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xa falou hai días de tres alternativas para peleteiro que onte concretou.
A opción cero, sinalou “coa distribución prevista, actualmente no plan xeral”. A opción un, “que en principio se corresponde coa proposta do goberno, de abrir unha rúa de 12 metros de ancho que daría a República Arxentina e a plaza, con algo máis de 30 metros de ancho”, quedaría cara a rúa de San Pedro de Mezonzo. E a terceira opción, a defendida “basicamente polos grupos de Compostela Aberta e BNG que propón invertir eses termos, abrindo a praza cunha anchura de 30 metros cara República Arxentina, deixando unha apertura de dez metros cara San Pedro de Mezonzo”.
Hoxe terá lugar unha nova reunión na que, según o alcalde, “explicaremos as diferentes alternativas aos membros da Comisión Mixta, coas asociacións de comerciantes e as asociacións veciñais”.
O rexedor espera “que sigamos avanzando”, que a declaración ambiental estratéxica “se aprobe no pleno” e que en paralelo “poidamos seguir intentando buscar unha solución consensuada”.