Compostela, 1 de decembro do 2017 – O Museo do Pobo Galego acolleu a gala de entrega de premios da décima edición de Santiago(é)Tapas, concurso organizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela que se celebrou do 2 ao 19 de novembro.
Desta vez consumíronse máis de 34.000 tapas, cun crecemento de máis do 10% respecto ao ano pasado. Nesta edición do concurso participaron 70 establecementos de Santiago, que ofrecían 101 distintas. Competían por oito premios distintos. As tapas premiadas foron:
– Primeiro Premio do Público: “Taco de Outono”, de Artesana Gastrobar.
– Premio do Xurado á Mellor Tapa: “Mexillón galego que se volveu nikkei”, de Izakaya Markesa.
– Segundo Premio do Público: “Vieira en crema de coliflor con emulsión da Vera”, de Hotel Arco de Mazarelos.
– Segundo Premio do Xurado á Mellor Tapa: “Xurelo, café e ensalada de outono”, de O Ferro.
– Premio Especial X Aniversario, premio concedido polo público coas súas votacións valorando a experiencia global que tivo no establecemento: “Up”, de ACDC.
– Premio (é)tapas+, concedido por un xurado especializado ao establecemento máis activo na promoción do concurso nas redes sociais: A Nave de Vidán.
Por terceira edición consecutiva, Santiago(é)Tapas estivo organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Este ano contou por primeira vez con Mahou como patrocinador principal e co patrocinio xa tradicional de Cash Récord e Coca Cola, ademais da DO Ribeiro. Tivo tamén a colaboración institucional da Deputación da Coruña.
No acto de entrega a concelleira de Turismo, Marta Lois, destacou que esta “foi unha edición cun gran nivel de consumo, con máis de 34.000 tapas vendidas e un crecemento de máis do 10% respecto do ano pasado. E tamén foi unha edición cun gran nivel de calidade das tapas, nunha clara mostra das capacidades dos nosos cociñeiros e cociñeiras”.
Pola súa banda, a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, sinalou que este concurso “existe e funciona grazas ao esforzo de moitos profesionais da hostalería que dedican moitas horas a crear e servir as súas tapas. E, por suposto, aos composteláns e compostelás, turistas e visitantes, que percorren as diferentes (é)Tapas, coñecendo de primeira man, aínda que sexa en formato pequeno, todo o que a gastronomía santiaguesa e galega pode ofrecerlles”.