De Vacas celebraron no Auditorio de Galicia dez anos de carreira musical cun recinto coas entradas esgotadas desde moito días antes e cun público que chegou entregado desde antes de empezar.
Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández (a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia en ese mundo rural arredor do que xira todo) foron ao longo de estes anos colleitando fans pero sobre todo cariño.

Para esta festa de aniversario contaron, ademais da excelente guitarra de Guille, cun cuarteto de corda e outro de vento xunto co Coro da Ra da man de Ramón Bermejo. O resultado unhas pezas incribles grazas aos arranxos de Lucas Rei. Un concerto único como elas mesmas.
Nos tempos que corren a sorna e a retranca galega agradécense e De Vacas son expertas. Hai que sumar a irreverente forma de elixir e mesturar os temas, que nos levan a mundos de fantasía que só caben nas súas cabezas.
Titanic Nunca Máis devólvenos ás praias cheas de chapapote e de novo o grito resoa na platea ao unísono. Collidas da man aparecen as Rosalías, a actual e a nosa, e descobres mellor que en calquera conferencia a modernidade da De Castro.
E entón soa I Will Always Love You de Whitney Houston cos Pinos de Pondal como letra e decátaste que os galegos podemos ser o que queiramos, e non o somos porque non nos peta. Como De Vacas, un unicornio capaz de facer maxia ata co noso himno.

O de este domingo foi algo que non debería ser irrepetible, polo menos tería que estar gravado para poder velo e escoitalo de cando en vez. Con De Vacas lembramos que se pode reivindicar, rir e bailar ao mesmo tempo e que os galegos somos así, capaces de botar unha risas nun velorio e estar tristes nunha voda e que todo siga tendo sentido.
Non ten moita explicación o concerto décimo aniversario de De Vacas, só si estiveches sabes o que quero dicir. Da igual as veces que o conte; será como si lle dixera que vin un unicornio, estarei tan convencido que a xente chegará a dubidar de se é certo pero a maxia durará pouco porque o que o viviu fun eu e a xente prefire non crer.
Se hai un concerto de De Vacas cerca non deixedes de ir. Mirade o mundo doutro xeito e ride, é outra forma de seguir en pe. Os malos non se asustan porque lles fagas fronte, asústanse cando ven que por riba te ris. Así de fortes e seguras son De Vacas, o noso particular unicornio musical.
