Compostela, 23 de agosto do 2017 – O Festival de Curtas de Compostela, Curtocircuito, trae as Noites Curtas a cidade en dúas sesións de cine ao aire libre.
Será os dous próximos xoves, mañá día 24 e o 31, en dous pases gratuitos cunha selección especial dos prgramadores do festival.
Decorado de Alberto Vázquez
Os programas das Noites Curtas, que proporán traballos galegos e internacionais, terán como un dos protagonistas deste ano ao cineasta lucense Adrián Canoura, quen tamén participará en outubro na sección Planeta GZ de Curtocircuíto cun dos seus últimos traballos O Porco e o seu espírito. Antes, presentará nas prazas compostelás catro videoclips que realizou este ano para bandas como Guerrera, Baiuca e Nistra (dúo do que forma parte xunto a Anxo Rodríguez). Curtocircuíto segue así apostando polos novos talentos galegos e afondando na perspectiva mutidisciplinar que caracteriza a actual etapa do festival.
Aliens de Jiajie Yu Yan
A primeira cita será mañá na praza de Praterías e a derradeira noite de agosto na Quintana a encargada de acoller títulos como a premiada Decorado do galego Alberto Vázquez, recoñecida con máis de vinte galardóns internacionais, entre os que destaca o Goya á mellor curtametraxe de animación e gañadora do Premio Penínsulas na pasada edición do festival, La disco resplandece de Chema García Ibarra. Over de Jan Saska (República Checa), Aliens de Jiajie Yu Yan(España) e Deep Blue de Joe Nankin (Estados Unidos) son outras das pezas internacionais presentes no programa. Ambas sesións comezarán a partir das 22:00 horas.
En caso de condicións meteorolóxicas desfavorábeis o festival anunciará un emprazamento alternativo para as proxeccións.
