Compostela, 6/07/2026 – O Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, pechou á súa 23ª edición tras varios días de proxeccións, encontros e propostas audiovisuais que volveron ocupar salas e espazos urbanos da cidade.
A xornada de clausura de Curtocircuíto estivo marcada pola entrega de premios, e a proxección de “Fomos ficando sós”, a primeira longametraxe do cineasta lucense Adrián Canoura. Na gala de clausura, o festival entregou tamén o Premio Especial Curtocircuíto Atlas á cineasta Marie Losier, en recoñecemento a unha traxectoria que ampliou os límites do cinema contemporáneo a través dunha mirada profundamente libre e singular.

Na competición internacional Cosmos, o xurado concedeu o Premio Cosmos ao Mellor Filme a “Dieu est timide” (2025), de Jocelyn Charles, “pola súa capacidade para converter un xogo arredor do medo nunha experiencia cinematográfica de grande intensidade emocional, na que conviven o onírico, o fantástico, o terror e o íntimo cunha extraordinaria riqueza poética e sensorial”.
A Mención Especial de Curtocircuíto e esta categoría foi para “When the Geese Flew” (2025), de Arthur Gay, “pola delicadeza coa que sitúa os afectos e o vínculo entre irmáns como refuxio fronte ás expectativas e aos modelos de masculinidade”.
O Premio Cosmos ao Filme Innovador recaeu en “like moths to light” (2026), de Gala Hernández, “pola sofisticación coa que entretece materiais de arquivo de diferente natureza para construír un discurso de múltiples capas e extraordinaria profundidade”. A Mención Especial foi para “Sawyer Avenue, Sunday Afternoon” (2026), do norteamericano Bill Morrison, “pola súa capacidade para construír un retrato coral da sociedade estadounidense a través da montaxe e dunha estrutura calidoscópica que amplía a comprensión da realidade”.

Nas competicións da casa o Premio GZ ao Mellor Filme Galego foi para “A voz de todas as cousas”, de Daniel Pérez Silva, “pola escolla dunha gramática audiovisual rigorosa, pero non exenta de paixón e amor polo que filma e polo retrato absolutamente cativador dun colectivo e dunha cidade”, mentres que a Mención Especial Galicia distinguiu “Broom Broom Follar” de Sohu “pola transgresión como aposta e desexo creativo, a distorsión da imaxe e do son á procura de triturar os límites do canon”.
Na sección Supernova, o galardón de Curtocircuíto foi para “El silencio” de Allen Robert Angelo, de Marzo Lozano “por construír un retrato íntimo e próximo atendendo aos xestos, e sen concesións á inmediatez que parece dominar os discursos audiovisuais” e a Mención Especial recaeu en “Fun abalar a pedra que está no medio do mar”, de Breogán Xague, “por poñer en valor o legado patrimonial inmaterial de modo innovador, e sensible”. O Premio do Público foi para “Singing of the Evening Stars”, de Iris Sang.
O Xurado Novo distinguiu co seu premio “Loynes”, de Dorian Jespers, destacando “a súa calidade visual, mesmo pictórica, que consegue trasladarnos a un espazo surrealista”, así como “o inmersivo da súa montaxe visual e sonora e a creatividade da súa premisa, con personaxes moi carismáticas e conxugando o humor co sinistro”. Ademais, concedeu unha Mención Especial a “As I Lay Dying”, de Mohammadreza Farzad e Pegah Ahangarani, por “ter a capacidade de amosar a universalidade dos conflitos e dos abusos de poder, usando para iso material de arquivo e poñendo en valor a democratización dos recursos, cun resultado e mensaxe contundentes”.
A clausura completouse coa proxección de “Fomos ficando sos”, a primeira longametraxe de Adrián Canoura, que se serviu tamén de peche do ciclo Psicoxeografías, dedicado a obras que exploran a realidade e a existencia humana desde distintas aproximacións á etnografía experimental. Entre o cinema ensaio, o documental e a exploración sensorial, Fomos ficando sós constrúe unha travesía emocional entre o director e o seu pai a bordo dun barco pesqueiro rumbo ao Gran Sol.
A partir desa experiencia compartida, a película afonda na relación entre xeracións, na memoria familiar e no mar como espazo físico e emocional, combinando arquivo familiar, distintos formatos de imaxe e unha marcada investigación plástica para construír un relato profundamente íntimo.
A 23ª edición de Curtocircuíto concluíu reafirmando o novo modelo do festival, que nesta edición consolidou a súa aposta por un formato máis expandido, aberto á cidade e de ocupación do espazo público.
A excelente acollida das proxeccións ao aire libre, das actividades paralelas e dos concertos audiovisuais confirmou a conexión do público cunha programación que leva o cinema e a creación contemporánea máis aló das salas.
