Compostela, 31 de xullo do 2018 – A sexta edición do ciclo Cultura no Camiño, promovido pola Xunta en colaboración con 103 concellos das rutas xacobeas, chegou o 1 de agosto a Santiago co espectáculo de teatro infantil Rojo, de Pistacatro.
Cultura no Camiño está organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia e conta co patrocinio de Gadis para desenvolver 342 citas escénicas e musicais ao longo das distintas rutas xacobeas.
En Compostela, a oferta continúa o mércores 22 con Pistacatro que regresará á Quintana despois de ser os responsables de abrir o ciclo. Desta volta coa montaxe de novo circo Espera, na que convida o público a vivir de preto as súas acrobacias. Os artistas da compañía compostelá estarán no mesmo lugar o mércores 29 con Oh Olimpiadas! Para achegarlles aos espectadores o seu particular mundo circense rexido polo absurdo.
A praza da Quintana tamén acollerá a peza de danza Give it a Spìn, coa que Pisando Ovos pechará o venres 31 a carteleira desta sexta edición do ciclo da Xunta en Santiago. Como todas as actuacións do programa neste espazo, a función terá lugar ás 19,30 h.
Cultura no Camiño 2018 arrancou a mediados do pasado mes de abril e prolongarase ata o 30 de setembro co obxectivo de contribuír a enriquecer o programa cultural dos concellos participantes, situados todos eles nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia.
O calendario de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.
