Ames, 24/02/2026 – A vinculación dos orzamentos do concello de Ames a unha cuestión de confianza era algo esperado por todos, tal e como contamos hai uns días. Este mesmo xoves celebrarase un novo pleno de orzamentos pero xa vinculados á cuestión de confianza,
Tampouco foi aprobado o orzamento da EPEL Augas de Ames aínda que si saíron adiante as masas salariais tanto do persoal do concello como dos traballadores de Augas de Ames. A gravación do pleno pódese ver na canle de Youtube do Concello de Ames.
Debate
Todos os grupos, excepto o socialista que goberno en minoría, votaron en contra do orzamento presentado. A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “Trátase do segundo e último orzamento dun mandato caracterizado pola inestabilidade e pola falta de dialogo do actual goberno socialista en minoría. É un orzamento reflexo dun goberno que carece dun plan global e de estratexia con actuacións mediáticas e inconexas”.
Feijóo engadiu “non hai axudas directas ao pequeno comercio, non vemos tampouco medidas reais do fomento do emprego, non hai axudas para o autoemprego e emprendedores ou estudo de necesidades do noso concello. Tamén botamos de menos medidas concretas en materia de vivenda social e unha partida específica para participación, actuacións en materia de igualdade, programas de envellecemento activo compaxinados con actividades interxeracionais. Recortan en gasto social, promoción do emprego, igualdade e promoción económica, e aumentan a partida de publicidade institucional e festas. A irresponsabilidade é presentar un orzamento pechado, sen vontade real de negociación e de incorporar propostas da oposición”.

A voceira do BNG, Escarlata Pampín, explicou que “un goberno en minoría estable debería dende o primeiro día, dialogar, negociar e buscar acordos, para sacar adiante as súas propostas. Cando un goberno non consegue aprobar os orzamentos o que está fallando é o dialogo e o consenso. Gobernar en minoría non significa gobernar en solitario, significa escoitar, ceder e construír puntos de encontro, aquí é onde suspende o partido socialista que nos goberna actualmente en Ames, onde a imposición se repite unha e outra vez, autoritarismo que contrasta cos oito anos de goberno estable e progresista dos dous mandatos anteriores. Hoxe traen uns orzamentos dun goberno estancado, uns orzamentos continuistas, poucos ambiciosos, e afastados da realidade social do Ames de 2026, uns orzamentos que non responden aos problemas dos nosos veciños e veciñas”.
Escarlata Pampín tamén destacou “presentamos 15 propostas realistas pensadas para mellorar os orzamentos e por tanto a vida da xente de Ames. A resposta do goberno de Ames foi mirar cara outro lado e rexeitar case todas. Non podemos apoiar uns orzamentos que non apostan por unha política de vivenda seria e valente, xa que é un dos principais problemas da veciñanza de Ames”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “presentamos propostas responsables. Propuxemos avanzar cara un novo plan xeral que ordene o crecemento do municipio. Non podemos seguir sen unha folla de ruta clara que marque onde, como e con que criterios se desenvolve o territorio. Tamén propuxemos reforzar de forma decidida a promoción económica, o emprego e o apoio ao comercio local. Un Concello non debe limitarse a prestar servizo, debe crear condicións para xerar actividade económica, atraer investimento e consolidar o tecido empresarial, por iso en moitas ocasións reclamamos maiores axudas para o comercio local. Ademais, propuxemos a creación dun parque de bombeiros propio, a seguridade non pode depender da vontade ou pasividade doutras administracións; e contar cunha dotación orzamentaria especifica para o arranxo das beirarrúas do concello. En cambio, propuxemos a instalación de puntos de carga de vehículos eléctricos e a creación dunha ordenanza para regular o seu uso. Sobre este asunto díxosenos que estaba traballando na licitación nos próximos meses”.
Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que dixo “vivimos nun Ames distinto porque eu non noto esa percepción do Ames negativo ou triste que vostedes traen hoxe aquí. A miña percepción é dun Ames no que a xente quere vir a vivir aquí, e somos un dos poucos concellos que medra en poboación, e o único concello este ano en Galicia con saldo vexetativo positivo. Por iso creo que tan mal non o estamos facendo. A realidade destes orzamentos é que queremos mellorar os aparcamentos públicos, cubrir as pistas polideportivas do Milladoiro, recollemos unha axuda para as familias con intolerancias, imos levar a nosa propia auga a Bertamiráns, O Milladoiro e todo o entorno e prescindir da auga de Santiago, e imos mellorar o servizo de abastecemento da parte alta da avenida da Maía, en Bertamiráns. Vostedes din que non temos prioridades, si que as temos, pero non coinciden coas súas”. Ademais, avanzou “estamos traballando nun proxecto de vivenda pública e ademais xa lle cedemos seis parcelas no Milladoiro á Xunta para construír máis de 200 vivendas públicas”.
