Compostela, 19 de xaneiro do 2022 – O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ( IEGPS) inicia a segunda edición de webinarios “Vidas medievais en Galicia”.
O Padre Sarmiento, dependente do CISC, desenvolverá cinco sesións impartidas por historiadores do CSIC e das universidades do Porto e Santiago de Compostela. Os webinarios terán lugar o terceiro mércores lectivo de cada mes ás 17.00 horas, polo que hoxe terá lugar o primeiro deles.
As charlas están dirixidas ao público en xeral que deberá anotarse no seguinte formulario. Eduardo Pardo de Guevara e Valdés é o primeiro relator do ciclo. Doutor en Historia Medieval pola Universidade Complutense de Madrid ( UCM, 1984). Exerceu a docencia
universitaria na cátedra de Paleografía e Diplomática da UCM. En 1988 ingresou por oposición no CSIC, exercendo como científico titular na Institución “ Milá i Fontanals” (Barcelona) e, máis tarde, no Instituto de Historia (Madrid). En 1994 incorporouse ao IEGPS (Santiago de Compostela), ascendendo sucesivamente a investigador científico (2002) e a profesor de investigación (2008). Desde 1994 dirixe o IEGPS.
As súas investigacións céntranse no ámbito da Historia da Idade Media, particularmente entre os séculos XIII e XV, prestando unha atención específica á historia social do poder (historia política e social dos grupos de poder en Galicia). Cultiva, así mesmo, os estudos de Xenealoxía e Heráldica medievais. “A sublevación irmandiña de 1467 foi un asunto recorrente na historiografía medieval galega e, grazas a iso, hoxe dispoñemos dun relato circunstanciado dos acontecementos e do seu propio contexto explicativo. Pero hai detalles e matices que deben ser mellor valorados; ocorre así, precisamente, co retrato social dos principais caudillos irmandiños e creo que non sobra insistir en iso”, avanza Pardo de Guevara.
Ao webinario de Eduardo Pardo seguiranlle os seguintes: 16 de febreiro. Rosa María Rodríguez Porto (Universidade de Santiago de Compostela). “ Violante de Aragón en Galicia. Poder feminino e xeopolítica peninsular na segunda metade do século XIII”.
23 de marzo. José Augusto Sottomayor Pizarro (Universidade do Porto). “Reyes portugueses en Santiago. Peregrinacións rexias a Compostela entre os séculos XIII e XIV”.
20 de abril. Ampro Rubio Martínez ( IEGPS). “O notario compostelán Lope Gómez de Marzoa. De home de negocios a mecenas da cultura”.
18 de maio. Adeline Rucquoi ( IEGPS). “ Berenguel de Landoria, un arcebispo sorprendente”.