Compostela, 5 de marzo do 2024 – O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) conmemora o 8 de marzo, “Día Internacional da Muller”, e do 9 de marzo, “Día do Naturalismo Galego”.
Dúas citas que terán lugar esta semana, venres e sábado, e para as que o CSIC preparou unha serie de actividades en Compostela e Pontevedra. Para o “Día Internacional da Muller” o venres, 8 de marzo, de 18.30 a 20.00 horas, na Cidade da Cultura terá lugar “Conversas con merenda. É posible contar a Historia doutro xeito?”, unha conversa
entre Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, CSIC, Xunta) especializado no estudo da historia das mulleres, e os asistentes.
O obxectivo é debater sobre os silencios (e as resistencias) que aínda persisten, tanto no ámbito da investigación como no da divulgación e no ensino da historia en todos os niveis educativos, en relación co papel e o protagonismo que tiveron as mulleres na historia de Galicia.
A actividade, duns 90 minutos de duración, diríxese ao público xeral e é gratuíta previa reserva. Está coordinada pola Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia coa colaboración do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS, CSIC-XUGA).
Día do Naturalismo Galego
Para conmemorar o “Día do Naturalismo Galego” hai dúas actividades. Por unha banda, o sábado, 9 de marzo, de 10.00 a 14.00 horas, na Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra), terá lugar “Obradoiro de ilustración científica con Clara Cerviño”. Está promovida polo Consello da Cultura Galega e a Delegación Institucional do CSIC en Galicia a través da súa Unidade de Cultura Científica.
Os asistentes descubrirán como é a ilustración naturalista e cales son as particularidades que a diferencian doutros tipos de ilustración. Para iso, aprenderán a observar con detemento os detalles propios de diferentes especies vexetais e a trasladar ao papel todas esas ideas, facendo un uso do grafito e acuarelas para poder transmitir coñecemento e gozar da natureza.
Por outra banda, o xoves 21 de marzo, ás 10.30 horas, o IEGPS acollerá na súa sede (Santiago de Compostela) o seminario de especialización “Historia das (bio)invasións en Galicia: mecanismos, xestión e impactos no patrimonio natural”, impartido por Sergio Rodríguez Roiloa, da Universidade da Coruña.