Padrón, 25 de marzo do 2019 – O grupo Veciñ@s de Padrón ven de criticar na súa páxina de Facebook adxudicación directa de parte dos postos da Pascua de Padrón por parte do goberno municipal formado por PP e PdeG.
Padrón ven de abrir a licitación de 230 parcelas para a Pascua 2019. Veciñ@s explica que “No 2017 sacáronse a licitación todos os postos da Pascua, un total de 440 parcelas, para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020. As sobrantes saen a licitación todos os anos, como é o caso. O curioso é que tras realizar estes procedementos legais atopámonos con que o señor alcalde Antonio Fernández utiliza un mecanismo excepcional, a adxudicación directa dos postos, como algo habitual e ao noso entender para favorecer a determinadas persoas”.
O grupo político desvela que dun total de 280 parcelas vacantes no ano 2017 e 256 no ano 2018, adxudicáronse de forma directa un total de 109 en 2017 e de 58 en 2018 “cando procedemos a estudar o expediente completo sobre o procedemento de adxudicación dos postos da Pascua, a nosa formación descubriu que esta licitación dos postos é un auténtico paripé”.
Veciñ@s explica tamén que de este xeito os prezos de esas adxudicacións son fixos, co prezo de saída, e non en virtude da demanda que teñan; isto produce unha merma nos ingresos do concello por este concepto. Lembran ademais o caso da polbeira que estivo instalada, no Campo da Barca o domingo de Pascua, sen pagar taxa algunha. Según a formación desde que denunciaron esta situación e a parcela comezou a licitarse pasou dun prezo de saída de 465 € a 1.200 € cando rematou o proceso “o noso municipio deixou de ingresar un mínimo de 8.400,84€ durante os 7 anos nos que se permitiu este trato de favor”.