Bisbarra, 10 de xaneiro do 2024 – A Xunta eleva a nivel medio o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental (Camgal).

O Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a praia de Espiñeirido en Porto do Son e explicou que “máis de 200 profesionais da Administración autonómica, en colaboración cos concellos, están levando a cabo de forma monitorizada a limpeza destes pequenos plásticos en praias de 33 concellos”
Unha declaración que contrasta coas decisións tomadas no concello de Muros que nun comunicado anunciaba que “pechou coa aseguradora da empresa armadora e coas entidades de voluntariado un plan de limpeza dos pellets de plástico nas praias”. Un plan contra a contaminación que comezaba onte mesmo.
A alcaldesa de Muros, María Lago, asegura que “ante a inacción do resto das administracións decidimos buscar nós unha solución. Serán uns traballos tediosos e que levarán un tempo, porque dependen tamén de factores como as mareas, pero non podemos esperar máis, todas as praias do concello están afectadas”. Unha empresa de limpeza contratou xa a 18 traballadores locais para efectuar os traballos coa axuda dos voluntarios.
Adega formará aos voluntarios
A asociación ecoloxista ADEGA ven de convocar á poboación galega a participar en xornadas de formación para a limpeza da marea de pellets de microplásticos. Estas accións terán lugar hoxe mércores, 10 de xaneiro, en Carballo, Muros, Noia, Porto do Son e Fisterra; e o sábado, 13 de xaneiro, en diversas praias dos concellos de Noia, Porto do Son, Carballo, Cangas e Barreiros. En Porto do Son e Noia, a asociación Noia Limpa colaborará con ADEGA nas accións formativas.
As persoas interesadas en participar nestas accións de voluntariado formativo de ADEGA deberán inscribirse a través dos seguintes formularios:
-Sábado, 13 xaneiro: https://forms.gle/eDweeTrvpSV3N8rh6
Unha vez aceptadas as solicitudes, as voluntarias e voluntarios recibirán por correo electrónico información específica sobre os puntos de encontro e as praias nas que se actuará. Para futuras convocatorias, as persoas interesadas poden preinscribirse a través destroutra ligazón.
Perigosidade dos Pellets
Segundo informou o xornal El País, o segundo informe encargado pola Xunta advirte da perigosidade dos pellets e recomenda evitar o contacto coa pel, ollos e roupa. Unhas recomendacións opostas ás primeiras declaracións realizadas pola Xunta de Galicia nas que quitaban importancia ao vertido. O informe aclara que non se trata dunha sustancia o mestura perigosa pero recomenda o uso de guantes e gafas para a recollida e tratamento.