Bisbarra, 7 de xaneiro do 2020 – Aínda que por distintas causas son varios os colectivos que nas últimas semanas mostráronse en contra da autovía da Estrada, AG-59.
O concello de Teo aprobou en pleno unha moción conxunta en contra dos cambios introducidos no proxecto e que deixan sen saídas ao núcleo de Pontevea. A moción alude no primeiro punto ao prexuízo económico que supoñen os cambios e no segundo reivindica o trazado anterior coas conexións previstas para o concello. Todos os grupos municipais, PP, Psoe, Son de Teo e BNG votaron a favor.
Unha infraestrutura viable
Desde A Estrada o alcalde, José López Campos, explicaba hai unhas semanas que os cambios tentaban facer da infraestrutura unha obra viable “desde o punto de vista técnico e económico”. Os cambios rebaixaron os custos de 78 a 48 millóns de euros e o alcalde defende a licitación canto antes.
Campos recoñece que aínda que os usuarios poderán saír na Ramallosa e Pontevea o tramo ata o Rollo quedará sen enlaces. O rexedor reuniuse non hai moito co PP de Teo e empresarios de Pontevea e suxeriu que se busque un enlace desde Pontevea coa Estrada pero considerou que a infraestrutura non pode ter máis retrasos.
Rede Natura
Colectivos ecoloxistas critican o trazado da autovía por entrar de cheo n unha área ZEC, zona de especial conservación, da Rede Natura 2000. O trazado pasa tamén a 600 metros da Burga catalogada como LIC (Lugar de Interese Comunitario).
Na zona construirase un viaduto de 40 metros con 4 carrís e un paso inferior que “prexudicarían de xeito irreversible a biodiversidade e os seres vivos de hábitats especialmente protexidos”.
Os colectivos aluden a que a rebaixa de tempo é de tan só cinco minutos e propoñen medidas alternativas como reducir ou quitar as peaxes da autoestrada AP-9 para os vehículos que van dirección Cuntis-Vilagarcía-Pontevedra; aproveitar outras estradas e pontes xa construídas ou fomentar o transporte público como medida clave para reducir a pegada ecolóxica.
Alegacións
O BNG da Estrada presentou pola súa banda unha serie de alegacións ao trazado. A portavoz nacionalista, Susana Camba, explica que “en apenas tres quilómetros de autovía ao seu paso polo noso concello divide en dous as parroquias de Santa Cristina de Vea e Cora, arrasa terreos agrarios, destrúe roteiros e o secular Camiño da Geira e dos Arrieiros ao seu paso por estas dúas parroquias, arrasa elementos arquitectónicos e patrimoniais de incalculábel valor, o que nos leva a pensar que o trazado escollido non é o máis acaido para preservar a nosa identidade cultural e paisaxística, así como manter un rural vivo e produtivo”.
O BNG fala tamén de seguridade vial “cremos que o enlace coa PO-841 á altura do Rollo non é o sitio máis acaido pola forte pendente que ten a recta de Baloira, que fai que os coches alcancen altas velocidades nesa zona. Poñer unha entrada nese punto cremos que pode ser perigoso”.
Os nacionalistas explican ademais que a conexión coa AG-59 debería estar máis cercana ao polígono de Toedo.