Padrón, 15 de outubro do 2018 – O Club Ciclista Padronés Cortizo Anova despide a tempada 2018 con brillantes resultados en todas as súas categorías.
O Cortizo Anova participou en máis de medio centenar de carreiras, desde promesas ata elite e sub23, cada fin de semana nas principais probas do calendario autonómico e estatal así como no noso país veciño, Portugal. En total, o equipo cultivou máis de 30 vitorias, ao redor de 75 podios, así como numerosos premios secundarios ( esprins especiais, premios de montaña e metas volantes).
Entre as vitorias máis importantes do ano, destacan:
Campionato Galego de Contrarreloxo: Aser Estévez e Samuel Branco, Campión e Subcampión Galegos de Contrarreloxo. Jesús Nanclares, segundo na clasificación xeral.
Campionato Galego en Ruta: Anxo Lorenzo, Campión Galego en Ruta. Jesús Nanclares foi o vencedor da proba e Jorge M. Montenegro, completou o podio en 3ª posición.
Clásica de Pascua: Raúl García de Mateos, vencedor da proba en casa.
Campionato Galego por Equipos: segundo posto en categoría cadete e terceiro posto en xuvenís.
Raúl García de Mateos, Campión de España de Dúatlon.
Ademais, seis ciclistas do equipo elite e sub23 (Aser Estévez, Jesús Nanclares, Anxo Lorenzo, Samuel Branco, Raúl García de Mateos e Marc Sánchez) representaron ao equipo nos Campionatos de España en Castelló en categoría elite masculina non profesional. Estévez quedou nun meritorio cuarto posto na proba contra o crono. Tamén Uxío San Martín foi convocado para disputar o Campionato de España en categoría Junior e Bruno Puceiro (infantil) e Laura Tenente (cadete) para os Campionatos de España Escolar.
O Club Ciclista Padronés un ano máis foi promotor de diferentes probas ao longo do ano, destacando a histórica Clásica de Pascua para elite e sub23. Ademais, con medio centenar de corredores en todas as súas categorías, segue esforzándose no seu traballo coa base como alicerce fundamental para conseguir o seu éxito.