Compostela, 1 de marzo do 2017 – O Rio Natura Monbus Obradoiro presentou a peza documental Juan Antonio Corbalán: Ou Camiño Remata en Obradoiro na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.
O documental, dirixido pola axencia de publicidade Reclam, mostrou a todos os asistentes ao acto as impresións en primeira persoa de Juan Antonio Corbalán e os seus acompañantes mentres completaban as seis últimas etapas do Camiño Primitivo de Santiago.
A encargada de conducir o acto da preestrea do documental foi a xornalista e presentadora santiaguesa Silvia Castiñeiras, que foi dando paso a aqueles que interviñeron durante a presentación.
O primeiro en intervir foi Raúl López, presidente do Rio Natura Monbus Obradoiro, quen explicou que “hoxe mostrámosvos o resultado audiovisual dunha tripla unión: a figura de Juan Antonio Corbalán, o Camiño de Santiago e o Obradoiro”.
Pensamos que este triángulo reunía numerosos atractivos e por iso puxemos en marcha o proxecto”. Raúl López non quixo terminar a súa intervención sen antes mostrar o seu agradecemento a Juan Antonio Corbalán e amigos “por vir facer o Camiño de Santiago connosco e, sobre todo, por facelo como xogabas: exhibindo valores e sendo un líder e exemplo de moitas cousas. Debes saber que aquí tes a túa casa”.
Non se esqueceu tampouco o presidente de dar as grazas a Turismo de Galicia “polo seu apoio e complicidade nesta visión e aos patrocinios fundamentais para a realización deste proxecto de Caixabank e Correos, cos que esperamos seguir contando no futuro. Porque este proxecto vai seguir e esperamos anunciarvos pronto o nome do noso seguinte protagonista, que volverá demostrar que o Obradoiro é un excelente vehículo de comunicación. Será un pracer seguir sendo embaixadores desta nosa terra. Porque este ano o Camiño seguirá acabando no Obradoiro”.
Antes de que o público puidese visualizar o documental, tomou a palabra o protagonista, Juan Antonio Corbalán: “Tiven a sorte de que, dunha actividade que me causaba moitísimo pracer, como o baloncesto, tiven a oportunidade de sentirme moi querido mesmo moitos anos despois de abandonar o deporte. E a invitación do club para facer o Camiño foi un exemplo diso. Por iso estou especialmente agradecido”.
Corbalán finalizou aconsellando a todo o persoal e aos asistentes que “é importante ser bo como xogador unicamente porque sendo bo cada un, o equipo pode ser mellor. Díxomo Vicente Ramos no seu día: “Lembra que aquí ninguén che vai a preguntar polo bo que es, nin cha vai querer por iso. Van querer polo bos que fagas aos demais”. Só quédame dicir que detrás deste proxecto hai tanto agarimo tanto amor e tanta repercusión na sociedade que merece a pena que todos empuxemos por iso”.
Tras o visionado da peza audiovisual, os encargados de clausurar o acto foron, en primeiro lugar, Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, quen definiu ao Rio Natura Monbus Obradoiro como un “club humilde nunha cidade pequena” e a Corbalán como un “gentleman na pista e cun código de valores que soubo aplicar dentro e fóra dela”.
Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, quixo agradecer a Corbalán a súa participación “neste proxecto a través do que, ademais de seguir promocionando o Camiño de Santiago promociónanse tamén os valores do baloncesto cun obxectivo tamén moi social a través da Fundación Heracles. Parabén tamén a todo o equipo de Obradoiro por esta iniciativa por mostrar os valores do deporte en equipo que coinciden tan ben cos valores do Camiño: solidariedade, acollida, hospitalidade e dese algo que hai no Camiño, que só facéndoo poderalo experimentar”.
Despois de todas as intervencións, os asistentes gozaron no hall dun cóctel grazas á Jamonería Seco, Pastelería Míguez, Lambonadas, Casa de Xantar e O Dezaseis. Así mesmo, para o desenvolvemento do evento foron imprescindibles as colaboracións de CEGA Audiovisuais, Trevisani e o Auditorio de Galicia.