Melide, 24 de abril do 2018 – O Melide de fútbol sala feminino ven de facerse coa copa de Galicia en categoría cadete nun partido disputado esta fin de semana en Marín fronte ao Cidade das Burgas.
O partido que definiu o gañador da Copa foi moi axustado. As xogadoras conseguiron con moito esforzo rematar 3 a 2 no que se converte no seu primeiro título oficial. Hai que dicir que o Melide de fútbol sala feminino leva en competición tan só dous anos, xa que era o ano pasado cando se fundaba.
A alcaldesa, Dalia García, amosaba unha vez máis o orgullo polo deporte melidense que demostra que “con traballo todo pode conseguirse. Non teño máis que palabras de agradecemento para estas rapazas que levan o nome da nosa vila por toda a nosa xeografía e que amosan que todo traballo dá os seus froitos”.
A Copa Cadete Feminina de Fútbol Sala seráselle entregada ás rapazas nunha gala homenaxe que terá lugar ao final de tempada, previsiblemente no mes de xuño.