Compostela, 5 de setembro do 2023 – O barrio de Conxo organiza a XXXVI Semana Cultural dedicada este ano ao 150 aniversario da liña férrea Cornes – Carril.
Desde hoxe e ata o vindeiro 9 de setembro desenvolvese esta semana cultural de Conxo con este aniversario tan especial. Podería dicirse que o primeiro que fixeron en tren os veciños foi ir a praia. Unha liña que unía en 1873 a dous concellos, Conxo e Carril, que co tempo serían absorbidos por Compostela e Vilagarcía.
A liña ferroviaria con Carril centrará varias das actividades programadas. Por exemplo, a mesa redonda, ás 18.00 horas de hoxe martes, que contará coa participación de Xoán Luis Miguéns García, médico ferroviario e escritor do libro ‘Historias do Carril-Cornes’, do Consorcio e da editora Sotelo Blanco e da veciñanza de Conxo.
A continuación inaugurarase a exposición ‘A memoria do tren’ composta por 10 fotografías históricas e lembranzas do tren traídas da memoria oral das xentes de Conxo. Será ás 21.30 h.
Tamén se programaron unha serie de obradoiros arredor da temática ferroviaria: mañá mércores 6 de creación de trens con Mbot e de ciencia; xogos de mesa de estratexia, o xoves ás 19.30 h; cine, coa proxección de ‘A todo tren’; unha ruta polo ‘camiño de ferro’ e incluso un xogo de pistas e misterio para resolver o ‘Asasinato na locomotora Sarita’.
O xoves 7 haberá unha visita guiada ao Verderón, o tren dos anos 30 unido á locomotora AICO serie 1808, sede da Asociación Compostelana de Amigos do Ferrocarril de Santiago, cuxo interior acolle unha maqueta de modelismo ferroviaria de 6 metros de longo. Será preciso inscribirse con anterioridade.
A todas estas actividades sumaranse outras como unha ximcana ciclista, a actuación musical de Mallou, dentro do programa Terrazeando, xogos na praza, obradoiro de pintura ao aire libre, torneo de rápidas de xadrez, espectáculo de monicreques…
A semana pecha coa xa tradicional ‘Tarde na carballeira’ o sábado 9 con música e xogos para a cativada. En caso de choiva, realizarase no Centros Sociocultural Aurelio Aguirre.